Moncloa volve lexislar en materia de pensións en favor das grandes empresas

O Goberno español resta incentivos aos sistemas privados de pensións individuais mentres engrosa os dos plans de empresa.
Os traballadores e traballadoras autónomos son os máis afectados pola redución das desgravacións (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Os traballadores e traballadoras autónomos son os máis afectados pola redución das desgravacións (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Esta semana, o Goberno español anunciaba a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para 2022, que recollen, entre outras medidas, un importante cambio na fiscalidade do aforro para a xubilación. O próximo ano, o tope das achegas con dereito a desgravación nos plans de pensións privados será de 1.500 euros anuais, un dato que contrasta cos 8.000 que se permitían en 2020 e que baixaron a 2.000 euros neste exercicio.

As xestoras de fondos de pensións xa advertiron de que esta medida desincentiva o aforro para a xubilación, ao tempo que promove as achegas a plans de emprego, un produto que promoven as empresas para os seus traballadores e que o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, quere estender, pasando dos 1,6 millóns actuais aos 9,5 nos próximos anos. 

Tamén deron a voz de alarma as mediadoras de seguros, que alertaron de que a rebaixa supón "outro torpedo ao aforro e ao complemento das futuras pensións de autónomos e empregados de pemes", xa que, apuntaron, a proposta "favorece aos traballadores de grandes empresas e castiga especialmente ao medio rural, onde abundan pequenos negocios e autónomos".

Segundo denuncian desde o colectivo, o sistema individual é "insubstituíbel" para estes traballadores, que quedan fóra da previsión social empresarial e "non poden acceder ao sistema de emprego por non estar as reformas desenvolvidas".

Lembran tamén que a irregularidade dos seus ingresos tamén condiciona esta planificación. "Só esta razón sería suficiente para permitir aos traballadores e traballadoras por conta propia recuperar, na medida do posíbel, a súa capacidade de aforro para complementar unha xubilación que cada vez aparece máis incerta en termos de pensión do Estado", sinalaron.

Maior desigualdade

Como apunta a Nós Diario o economista e sindicalista Xavier Pérez Davila, o Goberno español, ao mesmo tempo que reduce as desgravacións nos plans privados, aumenta até 10.000 euros as dos plans de empresa. 

Obviamente, sinala, estas desgravacións benefician as grandes empresas, como no caso das do Ibex, onde os directivos gañan de media 5 millóns de euros anuais, "90 veces máis que o salario medio dos seus cadros de persoal e 370 veces o salario mínimo interprofesional". 

Neste senso, insiste en que as bonificacións aos plans de pensión son regresivas, xa que benefician aos preceptores de rendas e salarios máis altas. "Reducilas nun principio está ben, pero aumentan as desgravacións dos plans de empresa até 10.000 euros, non garante un sistema de protección social". "Se agora imos a un sistema dunha pensión mínima baixa e quen queira algo máis que vaia a un plan privado de empresa, o que van a aumentar son as desigualdades nas pensións", advirte. 

Porén, Pérez Davila cre que o actual sistema de pensións "corrixe bastante a desigualdade de ingresos porque a diferencia entre a mínima ─610 euros─ e a máxima ─2707 euros─ e de 4,4 a 1", o que contrasta cos datos antes mencionados relativos aos directivos e traballadores de empresas do Ibex.

Comentarios