A mocidade galega pagará en maior medida as consecuencias da crise da Covid-19

Unha consulta realizada por PWC destaca o desemprego xuvenil e a falta de formación específica como principais ameazas no futuro para a xente nova.
As persoas expertas consultadas por PWC consideran a xente nova as "grandes pagadoras" da actual crise económica e da de 2008 (Foto: Arxina).
photo_camera As persoas expertas consultadas por PWC consideran a xente nova as "grandes pagadoras" da actual crise económica e da de 2008 (Foto: Arxina).

A crise da Covid-19 está a deixar moitos sectores económicos en coidados intensivos. A hostalaría, o comercio, o turismo están moi lonxe de recuperar os valores previos á crise. Tamén o emprego está a sufrir, con miles de persoas afectadas por ERTE e moitas outras polo cesamento definitivo da actividade dos seus negocios. 

Neste contexto, a xente nova será a gran damnificada da crise económica derivada da pandemia. Así o constata un panel de máis de 400 persoas expertas consultadas por PWC, que alerta da alta taxa de paro xuvenil

En 2020, sobre un total de 318.700 mozas e mozos galegos de entre 16 e 29 anos, 103.400 (32,44%) estaban ocupadas, 36.900 (11,58%) sen emprego e as 178.400 (55,98%) restantes figuraban inactivas.

Pero á marxe destes factores hai outros que tamén preocupan, como a redución da poboación nova ─Galiza ten unha das taxas de natalidade máis baixas─, unha incorrecta formación, inadecuada para as necesidades produtivas, ou a excesiva proliferación da contratación temporal.

O 93,3% das persoas expertas consultadas por PWC coinciden en destacar a intensa contracción do número de mozos entre 16 e 34 anos, así como a súa baixa participación no mercado de traballo, moi inferior aos países centroeuropeos ou aos países nórdicos.

Estas persoas entenden que, para fomentar a súa participación no mercado laboral, as administracións deben modificar, en primeiro lugar, a formación que reciben e vencellala dunha maneira máis directa ás necesidades do tecido produtivo e, en segunda instancia, mudar os mecanismos de entrada no emprego, pondo unha maior énfase na aprendizaxe.

A mocidade situouse na primeira liña de axustes laborais tanto na actual crise como na de 2008. Unha das chaves para reducir a súa temporalidade pasa, segundo as persoas enquisadas,  por penalizar a concatenación de contratos temporais, medida pola que apostan 41% das persoas expertas e, mentres que dúas de cada tres (66,1%) opinan que o prioritario é reducir a fenda entre os custos do despedimento para os contratos temporais e fixos. 

Aposta pola formación

Con respecto á formación, consideran que existe unha "manifesta insuficiencia dos estudos secundarios non obrigatorios e un excesivo peso dos primarios e, especialmente, dos superiores", onde se dá "unha sobrecapacitación dos mozos universitarios, que acaban competindo no mercado por traballos de inferior cualificación".

Para corrixir esta eiva, o 96,3% cre que se debe incentivar e investir na formación profesional, o 56,5% opta por reformar a formación universitaria, reforzando os estudos científicos, e o 54,6% propón potenciar a formación básica.

No que coinciden é na necesidade de aumentar a oferta de traballo xuvenil con formación tecnolóxica. Así, entenden que hai que pór sobre a mesa medidas que reforcen os estudos secundarios e superiores cunha maior oferta técnico-matemática (73,2%) e incrementar a participación feminina neste tipo de estudos (46,3%).

Comentarios