Mobilizacións por todo o país este domingo contra o Plan forestal

As concentracións, convocadas en 22 vilas e cidades con motivo do Día da Árbore, principiarán ás 12 horas (ás 11 horas en Ourense).
Concentración fronte ao Parlamento o pasado 23 de febreiro (Foto: Europa Press).
photo_camera Concentración fronte ao Parlamento o pasado 23 de febreiro (Foto: Europa Press).

A Plataforma por un monte galego con futuro, conformada por diferentes colectivos ecoloxistas, animalistas e ruralistas, convoca este domingo unha serie de mobilizacións en 22 vilas e cidades do país para reclamar a paralización do Plan forestal promovido en solitario polo PP, así como instar o Goberno galego a aplicar, con "medidas específicas", a recentemente anunciada moratoria para a plantación de eucaliptos.

"[O Plan forestal] pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral, sen ter en consideración a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos", censuraba esta semana a Confederación Intersindical Galega (CIG), unha das organizacións participantes.

Para a Plataforma, este plan "agrava" a situación actual do monte, polo que reclama a súa "devolución" ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción "axeitada ás necesidades do país e na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e o medio rural".

Considera, así mesmo, que o documento "carece de consenso social" e fai unha diagnose "ficticia" da situación do monte galego, "a partir dun inventario forestal irreal e desfasado".

Por outra banda, insisten as entidades convocantes, o Plan forestal propón "aumentar aínda máis a superficie ocupada polo eucalipto" malia ter superado "en máis do dobre" as previsións para 2030.

Convocatorias

Todas as concentracións principiarán ás 12 horas deste domingo (ás 11 horas en Ourense).

Están convocadas en Becerreá (fronte á sede do Concello), Betanzos (Praza dos Irmáns García) Bueu (no Concello), Cangas (Concello), Cerdedo-Cotobade (Concello), Chantada (Praza do Cantón), Compostela (Praza do Obradoiro), Ferrol (Edificio Administrativo da Xunta), Lugo (Xunta), Marín (Concello), Melide (Xardíns do Cantón de San Roque), Moaña (Concello), Nigrán (Chaira de San Campio), Ourense (Delegación de Medio Rural), Pontevedra (Praza da Ferraría), Tomiño (Praza do Seixo), Verín (Concello), Vigo (Xunta), Vilaboa (Concello), Vilagarcía (Praza da Ravella), Vilalba (Praza do Templete) e Xinzo (Praza Maior).

Comentarios