Mobilizacións contra a reforma das pensións "que empobrecerían as contías"

A CIG denuncia con concentracións en sete cidades galegas o pacto entre Goberno español e axentes sociais. 
Concentración da CIG diante das instalacións do Instituto da Seguridade Social (INSS) en Compostela (Nós Diario).
photo_camera Concentración da CIG diante das instalacións do Instituto da Seguridade Social (INSS) en Compostela (Nós Diario).

Sete cidades galegas acolleron esta cuarta feira concentracións convocadas pola CIG para rexeitar o pacto da reforma das pensións subscrito polo Goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais e que, para a central nacionalista, "suporá un empobrecemento xeneralizado das contías". 

Na mobilización realizada na Coruña participou o secretario xeral desta organización sindical, Paulo Carril, que denunciou que o acordo subscrito en Madrid "é regresivo e vén a dificultar e a poñer en cuestión un sistema público de pensións dignas". Carril lembrou que coa reforma de 2011 “estamos a pagar hoxe as consecuencias" como é  "a prolongación da idade de xubilación aos 67 anos, e a obriga de ampliar o período de cálculo dos 15 até os 25 anos". Sobre este último axuste engadiu que agora "estamos ameazados de que chegue a ser de 35 anos". 

Este líder sindical considerou que "estamos diante dun pacto das pensións que é a primeira parte dun pacto máis preocupante, desde o noso punto de vista, e que confirma o que levamos denunciando desde hai meses como son as graves exixencias de recortes sociais que o acceso aos fondos europeos obriga". 

Seguir coas pensións máis baixas

O secretario xeral da CIG advertiu que a reforma pactada neste 2021 afondará no empobrecemento das prestacións, que na Galiza continúan a ser as segundas máis baixas de todo o Estado. "A pensión media galega está nos 878 euros, moi lonxe da pensión media do Estado español, situada nos 1.032 euros, polo que con este acordo se está consolidado esta diferenza", advertiu Carril. Para a CIG, se se confirma o período de cálculo aos 35 anos "as contías que van percibir as galegas e galegos serán aínda máis baixas". 

Neste sentido, Carril denunciou que con este acordo tampouco se garante o poder adquisitivo das pensións das e dos galegos, "xa que debera fixarse por lei que a pensión mínima sexa igual ao salario mínimo interprofesional (SMI), e este debe de ser un 60% do salario medio, de acordo coas recomendacións da Carta Social Europea, e revalorizábel co Índice de Prezos ao Consumo (IPC) real". 

Vivir máis cobrando menos

Na CIG cren que os recortes nos dereitos continuarán ao entrar en xogo o acceso aos fondos europeos Next Generation. Sinalan que  aínda que se elimine o denominado 'factor de sustentabilidade', este mesmo ano haberá unha nova fórmula que, coa denominación de 'factor de equidade interxeracional', terá efectos semellantes e podería producir un recorte nas pensións das xeracións do coñecido como baby boom.

"Viviremos máis, pero con pensións máis cativas", alertou Carril. Por último, cuestionou a desaparición na práctica da xubilación a tempo parcial, "que permitía a creación de emprego".

Comentarios