Operari@s de Cementos Cosmos, de empresas auxiliares e mesmo veciñ@s iniciaron esta semana un calendario de mobilizacións en defensa da continuidade da factoría e dos postos de traballo directos e indirectos que xera na comarca de Sarria. Unha das primeiras accións foi un corte na vía do tren á altura da estación de Ourol.
O Presidente do Comité e delegado da CIG, Francisco López, sinalou que as mobilizacións prodúcense a raíz de que a empresa lles notificase un "expediente de crise", se ben non concretou máis. As e os traballadores sospeitan que este expediente podería conducir directamente á presentación dun ERE e ao peche da factoría o vindeiro 1 de marzo.
A fábrica, puntualizou o representante do plantel, podería estar a plena produción e vendendo todo o material (é a única empresa de cemento en Galiza), pero nestes momentos perde cota de mercado a causa da competencia desleal que lle fai outra planta que o grupo propietario de Cosmos (unha multinacional brasileira) ten en Toral de los Vados, e que vende o 90% da súa produción no mercado galego. “É o propio grupo empresarial quen nos está levando a unha situación de ruína”, denunciou López.