Moaña abre o camiño á fin do dominio de Naturgy nos concellos galegos

O concello de Moaña deu un paso importante na independencia enerxética pública das grandes multinacionais. Grazas a unha sentenza favorábel do TSXG, aprobou en pleno o pasado 29 de decembro a adxudicación da electricidade a unha comercializadora cun patrón máis sustentábel.
Praza do Concello de Moaña (Nós Diario).
photo_camera Praza do Concello de Moaña coa bandeira verde, unha das dúas que concedeu a Xunta polo seu compromiso medioambiental (Foto: Nós Diario)

A liberalización do sector eléctrico en 2013 non conseguiu diminuír a importante presenza das grandes empresas eléctricas que, na Galiza, foron pasando por varias mans desde Fenosa a Gas Natural até a súa denominación actual: Naturgy. Unha gran parte do seu negocio está nos contratos cos municipios e outras administracións que, por inercia ou polas propias dificultades que leva consigo un cambio, continúan traballando con esta multinacional.

O concello de Moaña quixo rachar con esta situación sabedora de que cada ano destinaban a este gasto 430.000 euros. O último Pleno deste ano, realizado o pasado 29 de decembro, confirmou a mudanza de compañía eléctrica após un longo e complexo proceso xudicial como consecuencia dos sucesivos recursos da multinacional para atrasar a nova contratación.

A última sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, con data do pasado 7 de decembro, deu estabilidade xurídica para que calquera Administración galega poida, como Moaña, introducir o compromiso co desenvolvemento sustentábel na contratación. 

Naturgy non conta coa Etiqueta A

O concelleiro de Facenda de Moaña, o nacionalista Aldán Santamarina Corral, explica a Nós Diario a razón de iniciar este proceso. "Parecíanos un escándalo pasar esas cantidades sen cuestionalas e ao prezo que marcaba a propia Naturgy", relata. Comezaron por traballar a licitación para adaptala ao compromiso sustentábel do Goberno moañés e aplicaron nas condicións do contrato, ademais do aforro económico propio, a promoción da igualdade no seu persoal e engadiron contar coa etiqueta eléctrica tipo A, que garante que a enerxía foi producida cun impacto ambiental mínimo.

A carencia por parte da multinacional deste último requisito, que si cumpren máis do 67% das comercializadoras eléctricas, permitiu sacar adiante a nova licitación. A exixencia de contar coa etiqueta tipo A contribúe á redución de contaminación e promove unha mudanza nos patróns de consumo sustentábel da enerxía. 

Outra das condicións que puxo o concello de Moaña para acceder ao contrato de subministración eléctrica do municipio era o compromiso das empresas en manter unha política de igualdade no seu cadro de persoal. Santamarina explica que Naturgy conseguiu que a xustiza admitira que non se tivera en conta en toda a multinacional, "algo que sería un gran paso histórico", mais si se aprobou nas condicións de execución do contrato como requisito para que as empresas adxudicatarias fagan polo menos 50% das novas contratacións, coa finalidade de que os postos vinculados co contrato en Moaña deban estar cubertos por mulleres.

Nova comercializadora adxudicada

A nova empresa que comerciará a electricidade para o concello de Moaña será Aura Energía, que conseguiu levar 3 dos 5 lotes nos que se dividiu o contrato por un importe total de 293.048,94 euros anuais (1,4 millóns se  consideramos catro anos incluíndo as prórrogas). Trátanse dos lotes máis cuantiosos, polo que a adxudicación suporá 88% do total do contrato. Os dous lotes restantes declararanse desertos, polo que o Concello volverá iniciar unha nova licitación en 2021 para ese 12% restante. A electricidade destinarase ao alumeado público e aos edificios municipais. A duración do contrato será de 2 anos, prorrogábeis por outros dous. 

Con esta licitación o Goberno municipal de Moaña conseguiu un aforro económico como consecuencia directa de promover unha concorrencia pública e aberta entre as empresas comercializadoras que operan no sector eléctrico. O novo contrato terá un importante aforro anual, superior aos 92.000 euros segundo os cálculos da intervención municipal, dado que en 2020 o consumo eléctrico supuxo un gasto de 447.346,07 euros e co prezo de adxudicación esa cantidade prevese que descenda a 351.823,36 euros en 2021.

Comentarios