Lugo acollerá os vindeiros días 23 e 24 de novembro as Xornadas Internacionais de Economía “Comprendermos a crise e os seus efectos no benestar social”. O evento promovido pola Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza (FESGA), e que conta co apoio da Vicepresidencia primeira de Deputación de Lugo, abordará as orixes, desenvolvemento e alternativas á vixente crise a través das presentacións de relatoras e relatores de Galiza, Portugal, Catalunya, México e Italia.
No mesmo daranse citas primeiras referencias no campo da economía e das ciencias sociais a nivel nacional e internacional. A doutora en economía Miren Etxezarreta, o economista Pedro Carvalho, @s profesor@s da USC María do Carmo García Negro e Bernardo Valês Paços, a investigadora Rita Martufi ou o director científico do CESTES, Luciano Vasapollo, amais do sociólogo mexicano Adrián Sotelo Valencia, serán as e os encargados de debullar unha análise da crise e a súa caracterización no marco do capitalismo contemporáneo.
Explicar o desenvolvemento da crise así como os efectos sociais das políticas implementadas para a enfrontar, así como –sobre todo-- reflexionar arredor das alternativas posíbeis a favor dunha saída social á mesma, centrarán os relatorios nos que se dará participación ao público asistente a través de quendas de debate.
Aliás das palestras presenciais a organización retransmitirá en vivo por streaming os relatorios para así permitir a súa visualización desde calquera lugar.
O programa completo das xornadas pódese consultar na web www.comprendermosacrise.info. Desde o web tamén é posíbel solicitar a inscrición nas mesmas, sendo totalmente gratuíta.