Ministros de Agricultura e Pesca da UE acusan Bruxelas de "condenar" a pesca de arrastre

Piden revisar as medidas coas aportacións dos Estados membro e do sector.
Buque do arrastre entrando no porto de Celeiro en Viveiro (Foto: Dura-Ace).
photo_camera Buque do arrastre entrando no porto de Celeiro en Viveiro (Foto: Dura-Ace).

Os ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (UE) criticaron na súa reunión desta segunda feira o plan da Comisión para eliminar a pesca de arrastre nas zonas mariñas protexidas para 2030 porque consideran que é "precipitado" e desequilibrado" e que supón unha "condena" para esta arte.

España e Francia foron algúns dos Estados máis críticos contra este plan de Bruxelas para garantir a protección xurídica dos seus mares coa ampliación das zonas mariñas protexidas do 12% actual a 30%. Ambos advertiron do risco de desaparición da pesca de arrastre.

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado español, Luís Planas, subliñou que "dous terzos do peixe que consome a UE son importacións de terceiros países con criterios de sustentabilidade totalmente distintos" que os que se autoimpón a Unión, polo que tachou o plan da Comisión de "desequilibrado e desenfocado", xa que considera que tampouco ten en conta as súas consecuencias socioeconómicas.

Na mesma liña, o ministro francés, Hervé Berville, criticou que as propostas de Bruxelas están "desconectadas" da realidade e advertiu de que se o plan de prohibir a técnica do arrastre se leva á práctica, estaríase a "condenar" a pesca artesanal.

Trátase dunha preocupación que comparten tamén outras delegacións, entre elas a belga, a alemá, a grega, a irlandesa ou a neerlandesa, que incidiron en que a prohibición da pesca de arrastre "non é a mellor vía" para alcanzar os obxectivos climáticos que persegue a UE.

Outro dos argumentos que tamén esgrimiron España, Grecia, Italia ou Chipre é a penalización que supoñen normas "ríxidas e inaplicábeis" que poderían implicar un incremento das exportacións de terceiros países onde non se garanten eses criterios de sustentabilidade que si se exixen na UE.

Garantir a “supervivencia” do sector

"Atribuír a este sistema de pesca responsabilidade exclusiva é unha simplificación extrema que non pode ser aceptada", aseverou a representación italiana, mentres que os polacos insistiron en que a "clave" está en garantir a "supervivencia" do sector.

Unha afirmación apoiada tamén polos países bálticos, que recalcaron que o mal estado de certos ecosistemas non se debe exclusivamente á pesca e que, por tanto, esta "non debe asumir o peso de todas as medidas", á vez que advertiron de que as consecuencias socioeconómicas da eliminación total da pesca de arrastre poden ser "enormes".

Os 27 ministros que asitiron á xuntanza tamén mostraron as súas reservas e preocupacións sobre o marco xurídico de aplicación desta medida e sobre o estabelecemento duns prazos "particularmente axustados". Tendo en conta isto, solicitaron a Bruxelas unha revisión dos contidos do plan de conformidade cos Estados membros e co sector, a fin de estabelecer un plan con medidas "máis concretas, compartidas, equitativas e sostíbeis".

Pola súa banda, o comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, reiterou que o Executivo comunitario non propón a prohibición, senón que pide aos Estados membro que apliquen todas as medidas pertinentes antes de marzo de 2024, e só entón, unha vez avaliadas, Bruxelas poderá presentar unha proposta lexislativa.

Consciente de que se trata dun debate "complexo", animou aos países da UE para tratar de "atopar un equilibrio moi difícil pero que é fundamental" porque a pesca como actividade económica, a pesar do traballo "durísimo" do sector, "non sobrevivirá sen os ecosistemas", advertiu.

Comentarios