A mina da Penouta podería reducir o valor turístico da Rede Natura 'Pena Trevinca'

A única mina europea da que se extrae o compoñente esencial para o coltán, mineral básico na fabricación de aparellos electrónicos como os ‘smartphone’, é a da Penaouta, en Viana do Bolo. Ecoloxistas en Acción denuncia o seu impacto ambiental pola contaminación de metais pesados e o freo económico que terá para a zona a nivel de turismo e promoción da gandería tradicional.   
Imaxe aérea de parte da explotación mineira da Penouta, en Viana do Bolo (Strategic Minerals Spain).
photo_camera Imaxe aérea de parte da explotación mineira da Penouta, en Viana do Bolo (Foto: Strategic Minerals Spain).

As numerosas campañas institucionais que venden a imaxe de "paraíso verde do interior da Galiza", ao cada vez máis numeroso turismo de interior, chocan coa presenza de proxectos industriais que desfán ese traballo. É o caso da mina da Penouta no municipio de Viana do Bolo, que foi obxecto de denuncias por parte de organizacións como Ecoloxistas en Acción polo impacto ambiental e económico do seu emprazamento, ao estar a maior parte na contorna do espazo natural Rede Natura Pena Trevinca.

Esta mina pertenceu a Rumasa e deixou de estar activa en 1985. En 2012 obtivo a licenza por 17 anos para explotar a extracción de estaño e tántalo, este último un dos compoñentes do coltán, mineral clave para a industria dos novos aparellos tecnolóxicos como os smartphone con moita demanda no mercado. 

Investimento millonario na mina da Penouta

A empresa madrileña Strategic Minerals Spain é a propietaria actual da mina e anunciou un investimento de 350 millóns de euros. O seu máximo accionista é o empresario Juan María Cruz Bermejo que procede do mundo da hostalaría e da construción e conta con débedas á Axencia Tributaria por valor de 1,198 millóns de euros. 

A compañía agarda extraer da mina de Viana do Bolo durante a vida útil da explotación, entre 35 e 40 anos,  perto de 200 toneladas anuais do concentrado de  tantalio e  niobio, pero tamén 500 toneladas anuais de estaño, 250.000 de cuarzo, 220.000 de  feldespato e 77.000 de mica. 

Dos 70 postos de traballo directos anunciados pola empresa na memoria do proxecto só conta na actualidade con 45 aínda que fontes da empresa sinalan a Nós Diario que "son da zona".

Denuncias por contaminación

En abril de 2021 organizacións como Ecoloxistas en Acción presentaron numerosas alegacións contra esta explotación mineira a ceo aberto denunciando que é "un gran foco de contaminación con metais pesados das masas de auga circundantes" situada en Rede Natura 2000.

Esta entidade alerta dos riscos asociados á extracción de máis de 100 millóns de toneladas que deixarían detrás 25,6 millóns de metros cúbicos de residuos "xeradores de drenaxes ácidas só para a primeira fase que, coa súa exposición ás condicións de meteorización en superficie, producirían de forma constante eses desaugues capaces de contaminar as augas superficiais e subterráneas con metais pesados, incluídas substancias perigosas prioritarias", nunha zona contigua a varios espazos protexidos. 

Denuncian tamén "a temeridade da administración ao pretender autorizar un proxecto sen garantías das solucións propostas tanto para o almacenamento como o tratamento dos residuos mineiros e augas ácidas de mina".

Perda económica en turismo e gandaría

Entre as alegacións presentadas está o impacto económico e social que tería nunha zona gandeira que está a ser potenciada como destino turístico de interior. A propia parroquia de Penouta, onde está situada a mina, conta cunha poboación maior de 65 anos que representa un 36.9% e para a que, segundo Ecoloxistas en Acción, "a actividade mineira non vai  supor ningún revulsivo no tocante ao crecemento da poboación". 

Desde esta organización defenden que a economía da comarca é dunha "forma de agricultura altamente ecolóxica, que permite manter a paisaxe no seu estado orixinal, o que converte a esta zona nun foco turístico moi demandado".  Por este motivo demandan a paralización da mina polos "prexuízos que podería causar a actividade extractiva sobre o turismo e o éxodo poboacional que pode provocar a contaminación mineira".

Comentarios