COMEZAN AS MOBILIZACIóNS DO VERáN

Un milleiro de tractores sae á rúa en Santa Comba para reclamar prezos dignos do leite

As rúas de Santa Comba acolleron este mediodía un milleiro de tractores nunha nova protesta do sector gandeiro contra os baixos prezos do leite e contra as ameazas da non recollida que sofren.

TRACTORADA
photo_camera TRACTORADA

A pPlataforma en defensa do sector leiteiro organizou esta mañá unha nova protesta con baixos prezos do leite e contra as ameazas da non recollida que padecen. A mobilización tivo lugar en Santa Comba, a onde acudiron milleiros de gandeiros e gandeiras de distintos puntos do país, provocando atascos de máis de 8km para entrar na localidade.

Pasadas as 12h, tivo lugar a concentración de tractores –un milleiro, segundo a organización- no multiusos de Santa Comba, de onde partiron en manifestación a partir das 13h cara ao Concello. Foi diante da casa consistorial onde tivo lugar a lectura do manifesto reivindicativo. Os e as produtoras non estiveron soas, pois en solidariedade contaron co apoio dos e das comerciantes da comarca, que fecharon as portas de 12h a 14h para favorecer a participación na xornada de protesta.

Na lectura do manifesto a cargo dun neno, o sector leiteiro exixiulle á Xunta de Galiza e ao Ministerio de Agricultura a súa implicación na busca de solucións para os e as produtoras, dados os baixos prezos que se pagan polo leite. Os membros da plataforma sinalaron tamén que “non é de recibo” que en outros países como Francia se solucione o problema leiteiro pactando un prezo do leite, mentres a Xunta e o Ministerio “miran cara outro lado”.

A de Santa Comba foi a primeira mobilización logo da gran protesta que tivo lugar o 17 de xullo en Santiago na que milleiros de produtores e produtoras clamaron pola situación do sector. Coa tractorada de Xallas, a plataforma inicia un intenso calendario de protestas nas principais comarcas produtoras do país. Esta vaga de mobilizacións concluirá o 10 de setembro cunha gran marcha en Compostela.

Calendario de protestas

As próximas mobilizacións convocadas pola Plataforma terán lugar en Chantada o 6 de agosto; en Deza, o 11 de agosto; en Meira, o 20 de agosto; en Sarria, o 27 de agosto e en Curtis, o 3 de setembro.

Comentarios