Miles de persoas protestan por que as pensións galegas son as máis baixas

A marcha máis concorrida foi a que tivo lugar en Vigo. 60 por cento das pensións galegas está por debaixo do salario mínimo interprofesional, denunciou o colectivo de xubilados e pensionistas da CIG, a organización convocante das manifestacións desenvolvidas esta terza feira nas 7 cidades galegas e en varias vilas cabeceira de comarca.

Miles Vigo
photo_camera Vigo, a marcha máis concorrida

As pensións galegas están 15 pontos por debaixo da prestación media no conxunto do Estado. A denuncia desta discriminación levou miles de persoas ás rúas do país, convocadas polo colectivo de xubilados e pensionistas da CIG.

As principais vítimas desta situación son as mulleres pensionistas, o que resulta en que unha de cada catro maiores de 65 anos estea na Galiza por debaixo do limiar da pobreza.

Con esta mobilización, o colectivo de xubilados e pensionistas da CIG quixo pór tamén o acento na denuncia das medidas anti-sociais dos gobernos do PP contra as persoas pensionistas -xa iniciadas no último goberno Zapatero- como o recorte nas prestacións ao non se actualizaren en relación ao incremento do IPC, o repagamento dos medicamentos ou o "roubo" das pensións das e dos emigrantes retornados.

En declaracións realizadas na marcha de Compostela, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, declarou que "na escalada de ataques aos dereitos sociais e aos dereitos laborais asistimos a unha campaña que ten posto o punto de mira nas pensións públicas na idea de seguir recortándoas, de seguir empobrecéndoas, de seguir prolongando os anos para o cálculo das mesmas e seguir afondando nunha realidade que provoca que en Galiza teñamos as pensións máis baixas do Estado”.

Carril acrecentou que as mobilizacións deste 27F terán continuidade o próximo 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. “Na Galiza queremos emprego, salarios e pensións dignas”, engadiu.

Comentarios