Miles de pensionistas saen á rúa na defensa dunhas prestacións “dignas”

As rúas das cidades galegas e do Estado español acolleron esta quinta feira importantes manifestacións de pensionistas que protestaban contra a “miseria” das prestacións que reciben e demandaban unhas pensións “dignas”. Os protestos foron especialmente importantes en cidades como Madrid e Bilbo.

pensións protestaxubilados Imaxe de Colectivo Ártabra 21
photo_camera Concentración en Ferrol. Imaxe de Colectivo Ártabra 21

As rúas das cidades galegas e do Estado español acolleron esta quinta feira importantes manifestacións de pensionistas que protestaban contra a “miseria” das prestacións que reciben e demandaban unhas pensións “dignas”. Os protestos foron especialmente importantes en cidades como Madrid e Bilbo. En Galiza, as mobilizacións foron especialmente importantes en localidades como Ferrol.

A suba “miserenta” do 0,25% é o motivo que levou ás mobilizacións, nunha xornada na que había convocatorias de CCOO e UXT e de diferentes plataformas de pensionistas. Mais o protesto centrábase nestes anos de recortes e reformas que empobrecen as persoas pensionistas, para alén de exixir a defensa do sistema público de pensións.

O estado español adica ao gasto en pensións apenas 10,5% do seu Produto interior bruto (PIB). Porcentaxe moi inferior á que dedican outros países, incluso os golpeados pola crise. Así, Portugal e Grecia destinan 13 e 14,3% respectivamente. Francia un 14% e Italia case un 18%. Segundo a CIG, “se o Estado español igualara o gasto en pensións con Italia, habería 57.300 millóns de euros máis por ano. Non existiría déficit e sobrarían 34.000 millóns de euros que se poderían usar para mellorar as pensións e mesmo para gardar outra parte no Fundo de reserva”.

O sistema público de pensións non está ‘en risco’ polo seu gasto. O problema radica nos ingresos. En 2011 había os mesmos cotizantes á Caixa das pensións que no 2016. Daquela houbo superávit (2.300 millóns de euros) e agora déficit. “As razóns están na precariedade do traballo, con baixos salarios, masivo incremento de contratos por horas en fraude, non pagar as horas traballadas de máis, os salarios en negro...”, denuncia a CIG. Ademais, o descenso dos salarios provocou que se deixasen de ingresar cada ano por volta duns  de 3.000 millóns de euros.

Comentarios