México quere a garantía de contrapartidas políticas para pechar o acordo do flotel para Ferrol

Apremia a que o goberno español mova ficha en relación a intereses sobre empresas privadas no país azteca para desbloquear o convenio con Navantia

Mobilización de Navantia
photo_camera Mobilización de Navantia

Leva meses dándose por feita a construción dos floteis en estaleiros galegos, mais a orde de 'cortar chapa' non chega ás factorías. Pasaron 10 meses desde setembro de 2012, coa Xunta a anunciar a bombo e platillo o convenio con Pemex. Mais a día de hoxe as gradas seguen baleiras.

Diversos medios sinalan que México está a esperar que se cumpran unha serie de contrapartidas e contraprestacións por parte do goberno español para pechar o acordo e permitir a construción do flotel en Navantia. É o estaleiro que ve perigar esa necesaria carga de traballo, prometida por activa e pasiva pola Xunta desde aquel setembro de 2012. O caso de Barreras (o outro estaleiro onde Pemex construiría un flotel) é distinto. A para-estatal mexicana comprou o 51% do estaleiro vigués.

Intereses

Así pois, o goberno mexicano non vai dar vía libre á construción do flotel en Ferrol mentres non teña garantías sobre esas contrapartidas por parte do Goberno español. Isto éo que sosteñen diversos medios, entre eles El Confidencial.

E de que contrapartidas estariamos a falar? A este respecto, todo o que se apunta é que os mexicanos seguen pendentes de que o Executivo de Mariano Rajoy acceda a “misteriosas condicións políticas” relacionadas con oempresas españolas privadas con intereses en México que non se cumpriron.

Así pois, Ferrol podería ficar sen flotel. O golpe definitivo e letal á economía da comarca. E poucos días despois dunha Folga Xeral comarcal secundada masivamente.

CIG denuncia a "falta de responsabilidade"

A sección sindical da CIG en Navantia denuncia a "falta de responsabilidade e despreocupación" do Goberno español na dirección deste estaleiro. Unha afirmación realizada ante a demisión do conselleiro delegado de Navantia. A central nacionalista considera que o problema non radica "na actual equipa directiva de Navantia, como dí Feixoo, senón nas erráticas decisións que se seguen a tomar polos diferentes gobernos, neste caso nomeados polo mesmo partido político ao que pertence o presidente da Xunta".

Comentarios