O metal perdeu 300 empresas en 2020, cun 2% menos de persoas traballadoras

Asime, a patronal do Metal na Galiza, presentou o seu informe anual de 2020 no que figura o impacto da pandemia no sector. Aseguran que estamos nun "momento crítico" polo "debilitamento do tecido produtivo".
O director de Asime, Enrique Mallón, na presentación do informe (Asime)
photo_camera O director de Asime, Enrique Mallón, na presentación do informe (Asime)

A asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime) presentou esta cuarta feira, 31 de marzo, o seu informe anual do sector de 2020. Constatan que nel traballan 57.345 persoas na Galiza, o que supuxo un descenso do 2% con respecto a 2019, un dato inferior á caída estatal, que foi de 2,4%. As comarcas da Coruña e Pontevedra seguen a ser as que suman a maior parte de empresas, cun 84,6% do total galego. 

No emprego industrial na Galiza, o metal representa un 43%, cifra que dá unha idea da importancia que ten para o país. En 2020 o sector representaba un 20% do Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza e nel traballan 3.793 empresas. A fabricación de produtos metálicos é a actividade máis relevante do sector, representando o 53,1%.

O metal nas exportacións e importacións 

Un 44,6% das exportacións totais galegas en 2020 corresponden ao sector do metal (+22,5%). Un 72,3% destas corresponden á fabricación de vehículos de motor e un 3,6% ao naval, que medra notabelmente. As comarcas de Pontevedra concentraron un 81,8% das exportacións do sector, por valor total de 7.618,69 millóns de euros.

En relación ás importacións, un 48,3% das totais galegas en 2020 corresponden a este sector e delas, un 64,6% corresponderon á fabricación de vehículos de motor. Outra vez as comarcas de Pontevedra concentraron un 82,8% das importacións do sector metal, o que supuxo 6.636,35 millóns de euros durante 2020. 

Por actividades o informe da patronal apunta a un descenso histórico das matriculacións de vehículos de 24,3% (30.452 unidades) mais segue a ser líder nas exportacións metálicas cun 72,3%. As súas exportacións aumentaron un 32,6% con respecto ao ano 2019 e as importacións diminuíron un 11,8% con respecto a ese mesmo ano. 

Na actividade marítima e enerxías mariñas a facturación descendeu un 30% cunha caída de 75% nos novos contratos e de 33% nos pedidos ás empresas. En relación á construción, o descenso na facturación foi de 2% e na aeronáutica de 40% menos que no ano 2019.

Máis investimentos

Entre as conclusións que saca Asime destes datos salienta o "momento crítico" en que se atopa o naval. Por este motivo demandan "investimentos e aposta pola eólica mariña". En relación á automoción, indican que na Galiza o reto é o "imposto de matriculacións e o vehículo eléctrico, solucionar a crise dos microchips e a necesidade de atraer novos investimentos". Para a aeronáutica, moi castigada pola crise, demandan "un plan forte de axuda pública".

A patronal galega apunta como aspectos positivos o "esforzo de prevención da industria desde o inicio da pandemia" e a oportunidade que representan os fondos europeos, "que non pode perder o metal galego". Como negativos, o "debilitamento do tecido produtivo cos múltiples feches anunciados, polo que urxen alternativas e unha transición xusta". Neste tema, segundo os datos do seu informe, no último ano desapareceron 300 empresas no sector. 

Propostas da CIG para a automoción

Tamén este 31 de marzo a CIG presentou un documento actualizado coas propostas da central sindical para garantir o futuro da industria galega do automóbil. Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional da CIG-Industria, sinala a necesidade de que se "aposte polos vehículos menos contaminantes, híbridos e a gas" e demanda que a Xunta faga públicas as axudas ao sector "para saber se están ben investidas ou serven para que sexan positivas as contas de determinadas empresas". 

Insiste na necesidade dunha planta de baterías na Galiza "para non quedar fóra desta aposta de futuro" e pular pola fabricación propia de microchips. En relación ao contexto laboral, María Xosé García, responsábel da automoción da CIG-Industria, exixiu un "rexuvenecemento do persoal" que se realizaría implantando a xubilación parcial "eliminada en 2012". En relación ao sistema produtivo coa Industria 4.0, pediu "un plan para reconducir todo ese persoal que sobrará nas empresas".

O metal volve á conflitividade laboral 

Na situación do sector do metal non hai que esquecer a conflitividade laboral. O bloqueo nas negociacións do convenio e a "actitude da patronal", segundo a CIG, CCOO e UXT, foron as razóns para a convocatoria dunha folga que tentará paralizar as empresas das comarcas de Pontevedra e que afectaría a 20.000 operarias e operarios o vindeiro 22 de abril.

Xulio Fernández (CIG) denunciaba que o persoal das empresas camiñaba cara a “unha precarización” coa actitude da patronal. Rubén Pérez (UXT) lembra que o metal leva desde finais de 2019 coas súas condicións "conxeladas", situación que aproveitan as empresas para “precarizar”. Por último Celso Carnero (CCOO) sinalaba que foi a propia patronal a que se “levantou da mesa de negociación”.

Comentarios