A metade das explotacións leiteiras que fechan no Estado son galegas

De xaneiro a maio botaron o feche 121 explotacións no noso país, unha cada tres días. O prezo do litro de leite galego continúa a ser o máis baixo do Estado, o único por baixo dos trinta centimos, e dos máis reducidos de toda a UE. 

Vacas nunha granxa (Nós Diario)
photo_camera [Imaxe: SG]

O esmorecemento do sector lácteo galego continúa a súa marcha. Nos cinco primeiros meses do ano botaron o feche 121 explotación gandeiras. Unha cada tres días. A nivel estatal no mesmo período totalizaronse 244 feches. Galiza representa a metade desas producións desaparecidas. Así se recolle no último informe mensual elaborado polo Fondo español de garantía agraria, dependente do ministerio de Agricultura. 

Unha explotación galega fecha cada tres días. 2017 pode rematar con 300 menos.

De se manter esta tendencia, o 2017 podería concluír con arredor de 300 explotacións gandeiras menos no agro galego. En xaneiro deste ano contabilizábanse activas 8.476. O continuado recuar do sector visa unha relación causa-efecto cos baixos prezos do litro de leite. En maio, a media galega foi de 0,29€, novamente por baixo do limiar dos trinta céntimos. En troca, a media estatal situouse en 0,31€ por litro. O noso país é o único territorio do Estado no que o leite se paga por baixo dos trinta céntimos por litro. E todo, nun contexto de aumento continuado do prezo dos produtos lácteos a nivel mundial, que atinxiu un incremento do 25% no último ano. 

Para alén das medias estatísticas, os prezos son inda máis baixos na práctica para as explotacións galegas. Desta maneira, segundo datos do Observatorio de prezos da Xunta referidos ao mes de maio, as explotación de menor capacidade produtiva, por baixo dos 300 mil quilogramos de entregas  --que son a maioría do sector en Galiza--, obtiveron prezos por litro de entre 26,36 céntimos e 28,88 céntimos de euro. 

No último ano o prezo do litro de leite aumentou en Galiza un 9,5% mentres na media da UE subiu un 29%.

A situación de desvantaxe do leite galego é evidente de contrastarmos eses prezos co prezo medio europeo, que foi de 32,36 céntimos de litro, case tres céntimos superior. Unha diferenza que totaliza 7 millóns de euros menos de ingresos para as explotacións galegas en comparación coas do resto da UE. Ao tempo, mentres en Galiza continúa a caer o prezo, a transnancional Lactalis vén de anunciar importantes incrementos dos prezos para os produtores franceses, que podería elevar o prezo do litro até os 0,36€ o vindeiro mes de setembro. O peso das explotacións galegas no sector lácteo a nivel estatal --representan o 55,38% das explotacións e o 37,4% da produción-- déixase notar tamén na evolución dos prezos españois en comparanza cos do resto de Europa. Desta maneira, entre maio de 2016 e maio de 2017, a evolución do prezo do leite no Estado recolleu un aumento do 8% mentres que na UE a suba atinxiu o 29%, segundo o Observatorio do Sector Lácteo da Comisión Europea. En Francia o prezo por litro subiu, nese mesmo período, un 13%, en Alemaña un 41% e nos Países Baixos un 46%. En Galiza un 9,5% desde os 0,27€.

Inacción da Xunta

As explotacións galegas perciben o prezo máis baixo do Estado e un dos máis baixos do conxunto da UE. Unha situación que para a Federación Rural Galega (FRUGA) só se explica polo papel que xoga a produción láctea galega para “facer cadrar os balances das industrias”. “Galiza segue a ser subministradora de leite barato para a industria española e europea”, denuncian.

FRUGA responsabiliza o Goberno galego desta situación, ao se constatar os abusos das empresas lácteas sobre as explotacións e as cada vez maiores limitacións do marco negociador fixado pola Xunta. É por iso que reclaman da administración galega que interveña de maneira decidida, para o que urxen a constitución dunha Mesa do leite que poña fin ás “discriminacións” que padecen as explotacións do noso país.

Comentarios