Case a metade dos concellos galegos teñen superávit

A débeda da Xunta creceu máis do duplo desde 2009

Dous mitos que as estatísticas esborrallan. O primeiro, que a xa estrutural débeda pública tiña a súa orixe no despilfarro dos concellos e das comunidades autónomas, fronte a austeridade da Administración central. A segunda, que o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, é "un gran xestor". Os datos do Ministerio de Facenda desmontan a propaganda. 
feixoo xunta sanidade saude foto da xunta
photo_camera Feixoo, co conselleiro de Sanidade [Imaxe: Xunta]

Máis que nunca. A Xunta de Galiza acumula unha débeda de 11.587 millóns de euros a data de 31 de marzo deste ano -os últimos datos oficiais-, 246 millóns máis que ao remate de 2018 e, polo tanto, nova marca histórica. Nunca o país estivo tan endebedado e, se ben é certo que desde 2017 o ritmo de necesidade de financiamento se ten ralentizado, a cantidade actual é case o duplo (6.188) que no ano 2010, o primeiro exercicio completo da "era Feixoo". 

O volume de débeda supera con moito o orzamento anual da Xunta, mais non a súa capacidade recadatoria, até 3.000 millóns de euros máis, de media, que os ingresos recoñecidos pola administración autonómica, como proban os informes da Axencia Tributaria, de aí que forzas políticas como En Marea ou BNG teñan reclamado mudanzas significativas no sistema de financiamento para mellorar os servizos públicos e evitar o incremento da débeda. Galiza é hoxe en día o sétimo territorio do Estado con maior débeda viva. 

Os concellos, os máis saneados

O balanzo de 2018 pode servir como paradigma do estado financeiro das diferentes administracións. Así, atentendo ao déficit, o Estado presentou un resultado negativo de 16.376 millóns, polos 2.810 das Comunidades Autónomas, e os 6.292 millóns de superávit (números negros por sétimo ano consecutivo) das corporacións locais. No tocante aos galegos, a débeda ao remate de 2018 está por debaixo dos 251,5 millóns de euros, 78 menos que un ano antes. Ademais, perto da metade, 150 sobre o total, non teñen débeda viva, é dicir, presentan un superávit que até o de agora as limitacións impostas pola lexislación do goberno de Mariano Rajoy lles ten impedido destinar libremente. 

Esta semana, o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, Abel Caballero, anunciaba un "acordo histórico" que vén culminar unha serie de declaracións e, posteriormente, de negociacións dirixidas a flexibilixar aquelas normas sobre estabilidade orzamentaria e regra de gasto. O acordo alcanzado será elevado aos correspondentes órganos políticos no mes de setembro para a súa ratificación e incorporación por vía "regulamentaria ou lexislativa". Caballero sinalou que con este acordo, os gobernos locais "estarán menos limitados para elaborar e executar uns orzamentos eficaces e para prestar mellores servizos á cidadanía".

Comentarios