Cinco meses consecutivos a caer a creación de empresas na Galiza

Galiza acumula cinco meses seguidos con baixadas no número de creación de empresas. Ese descenso en xullo foi de case 15% a respecto do mesmo mes do ano pasado. Foron 286 as novas sociedades mercantís constituídas o pasado mes. 

parque empresarial a grela imaxe de Agrela

Galiza acumula cinco meses seguidos con baixadas no número de creación de empresas. Ese descenso en xullo foi de case 15% a respecto do mesmo mes do ano pasado. Foron 286 as novas sociedades mercantís constituídas o pasado mes. A creación de empresas tamén descendeu no Estado español mais fíxoo nun 8,5%, case a metade que a caída galega. Tamén se reduce a disolución de sociedades neste mes, en concreto, en 15%.

En xuño o descenso na creación de empresas na Galiza foi de 30% e en maio de 9%. Desde febreiro non presentamos rexistros positivos neste campo.

Hai unha ralentización do crecemento na economía galega. Após tres anos cunha suba igual ou superior á media española, dá agora sinais de “constiparse”, nun proceso que vai ir a máis, apontan as economistas. De fondo, a mudanza no patrón de crecemento económico da Galiza. No primeiro trimestre do ano, o PIB da Galiza aumentou en 0,4% –o valor máis reducido desde 2014– fronte ao 0,7% da media española. O ritmo de crecemento da economía galega sitúase en 2,3%, unha décima por baixo de España e oito décimas menos que o ritmo co que iniciamos 2018.

“A ralentización da economía galega vai asociada a unha mudanza no patrón de crecemento”, explican desde o Foro Económico da Galiza, entidade que co seu “Barómetro”, no que analizan 15 variábeis que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, actividade industrial, comercio internacional, etc, advirte dese desaceleramento.

Comentarios