Mercedes Veites: "Recuperamos a vestimenta tradicional galega para que non quede nos armarios"

Mercedes Veites é a fundadora de Lumecú, unha marca de roupa tradicional galega que aposta pola innovación. As súas pezas mesturan a cultura da Galiza co desenvolvemento sostíbel e co emprego de materiais orgánicos. Precisamente, agora participa nunha iniciativa conxunta para recuperar a plantación de liño no concello de Vilar de Santos, co obxectivo de dar a coñecer á sociedade todo o proceso de elaboración que acompaña á confección de pezas liño, material fundamental para os traxes de Lumecú.  
Mercedes Veites confecciona traxes tradicionais con detalles innovadores. (Foto: Nós Diario) #modasostíbel #roupa #tradición #artesanía #mercedesveites #lumecú
photo_camera Mercedes Veites confecciona traxes tradicionais con detalles innovadores. (Foto: Nós Diario)

-En que consiste Lumecú?

Lumecú é unha marca co selo de Artesanía da Galiza que naceu hai uns anos co obxectivo de recuperar a vestimenta tradicional galega, mais sen que quede gardada nos armarios. Que a xente poida sacala á rúa. Quixen facer o paso da tradición á innovación. Buscamos dar a coñecer a cultura do país e darlle unha maior visibilidade desde un punto de vista distinto.

-Que a motivou a comezar cun proxecto así?

Sempre estiven entre teas. Son deseñadora e patronista. Teño un obradoiro artesanal e sempre veu onde min xente relacionada co folclore tradicional para que lles confeccionase as súas pezas do traxe. Na zona da Limia, de onde eu son, temos o Entroido metido nas veas. Unha das partes máis características do noso Entroido é o Oleiro. Neses días, vestímonos de época, con traxes tradicionais que a xente lle gusta pór para desfrutar e divertirse. Cada vez había máis persoas que viñan ao meu obradoiro e que recoñecían que era unha mágoa que ese tipo de roupa só servise para certos días e quedase no armario o resto do ano. Nese momento, eu comecei a preguntarme por que iso tiña que ser así. Aí decidín romper o estereotipo que existe coa roupa tradicional e ir pouco a pouco inculcando o coñecemento da nosa cultura e do noso idioma, e dinamizando esta arte, porque realmente non me gustaría que se perdese.

-Que tipo de pezas confeccionan? Como é o método de traballo?

O meu traballo principal é a investigación dos traxes tradicionais e populares do Entroido da zona da Limia, e noutros puntos da Galiza. A partir desa investigación, o meu equipo e mais eu comezamos a observar os patróns e a fixarnos nos cortes e nas cores. Tamén tivemos en conta os distintos materiais que se empregan neles. Empezamos a crear pezas similares e pezas algo máis innovadoras. Intentamos crear unha economía circular, porque a nosa filosofía de traballo é coidar de toda a contorna que rodea Lumecú. Se coidamos os nosos clientes, eles van coidar de nós. Trato de dar sempre o mellor.

Empregamos materiais orgánicos ou tecidos que temos por seguro que son de carácter reutilizábel. A maiores, estamos metidos no campo da ilustración.

Esa é a parte máis innovadora do noso proxecto. Por exemplo, fixemos un estampado baseado no baile da muiñeira que está realizado en algodón orgánico. Foi un estampado que xurdiu no confinamento, pola necesidade de ver algo de cor e de movemento despois de que as festas tradicionais tiveran que paralizarse. Foi un estampado que gustou moito. Fixemos unha colección de camisas para o día a día e para os domingos e tamén unha bolsa.

-O feito de empregar materiais orgánicos dificulta o proceso de confección das prendas?

A verdade é que non. O material que máis emprego é o liño. É certo que é máis laborioso que outro tipo de tecidos polas necesidades específicas que presenta. Pero é un proceso que un fai con cariño para que a clientela reciba a mellor peza posíbel. Empregar materiais orgánicos fai que a roupa teña a mellor calidade posíbel.

-É importante que se pule por recuperar e protexer a tradición e a cultura da Galiza. 

É fundamental. O que eu fago agora xa se facía antes. Pero non podemos parar. Temos que seguir reinventándonos. É fundamental reinventar a cultura galega e adaptala aos novos tempos para que poida sobrevivir. É importante que haxa novas xeracións que lle dean unha volta á cultura e á arte. A xente sempre quere ver a novidade, pero unha vez o fai, interésalle saber cal é a súa orixe. O que hoxe é tradición onte foi innovación.

Comentarios