Os mercados de proximidade abren a medio gas e con moita precaución

O accidentado inicio das feiras e mercados tradicionais pola prohibición da Delegación de Goberno, desmentida con posterioridade, marcou unha actividade na que os concellos teñen a última palabra en relación á súa organización. Produtoras e produtores sinalan que hai falta de información mentres desde os concellos procuran adaptarse á nova situación.    
Apertura do mercado de Padrón (Arxina)
photo_camera Apertura do mercado de Padrón (Arxina)

As feiras e mercados tradicionais comezan a abrir con moita cautela e respecto a unha situación nunca antes vivida. Estes primeiros días púidose acceder aos produtos agroalimentarios de maneira directa malia as restricións de seguridade. Algúns aínda non comezaron, caso de Mondariz, e outros, como o de Padrón, miran como reinventarse.

Na comarca do Condado un dos mercados máis coñecidos é o de Mondariz. Ten lugar todos os domingos e non se celebra desde a declaración de estado de alarma. O seu alcalde, o nacionalista Xosé Emilio Barros, non oculta a Nós Diario a súa preocupación malia que di que tomarán todas as medidas para que se reinicie o vindeiro domingo 24 de maio. "Esta feira está moi vencellada ao ámbito lecer", asegura, "aquí veñen dar unha volta e mercan, ten algo de turístico polo que quixemos ir amodo", engade.

Neste sentido informa que mudarán a localización tradicional do entorno da praza de abastos para a praza maior da vila. "Marcamos as localizacións e as distancias pertinentes", sinala Barros, "ademais contaremos con protección civil para vixilancia e control das persoas e os accesos", engade. Os produtos que atoparán quen visiten o mercado serán agroalimentarios. "Veremos coa entrada na fase 2 se podemos ir introducindo o resto", confía o alcalde. 

Padrón reduce espazo

Outro do mercados máis coñecidos é o de Padrón. Foi dos primeiros en abrir e xa conta coa experiencia do primeiros días. "O problema que temos nós é o seu tamaño, somos conscientes que máis adiante teremos dificultades para contar con todos os postos e manter as distancias de seguridade", relata a Nós Diario Javier Guillán, responsábel municipal do mercado dominical. 

Por agora permiten a venda do sector da alimentación, plantas e produtos hortícolas, froitaría, fornos de pan, embutidos, churreiros e plantas de decoración. Entre o lugar do Souto, na zona da praza de abastos, e o paseo do Espolón contabiliza máis de 500 postos de venda autorizados. "Se abrimos todos teríamos que reconstruír todo o mercado", afirma

As polbeiras tradicionais terán que agardar

Unha das presenzas máis agardadas nunha boa parte das feiras galegas é a das polbeiras. O epicentro da súa produción, O Carballiño, xa as puxo na rúa o pasado sábado como explica a Nós Diario Aurora Baranda. "Levo sen vender desde a última feira preto do Barco de Valdeorras o pasado 10 de marzo, imaxina dous meses con todo fechado sen maneira de ir gañar para comer". Após  a apertura na súa vila pediu permiso para vender o domingo en Cortegada.

"Aínda non sei cando iremos ás feiras, polo de agora estaremos na rúa". Explica que aínda non recibiu protocolo da Xunta para a venda deste produto tan querido e que adaptou o seu propio. "Entendemos que é comida para levar ás casas", asegura, "nós marcamos a distancia de dous metros e poñemos as máscaras con pantallas". 

Sen homoxeneidade nas medidas municipais

Para as produtoras e produtores que venden nestes mercados estes primeiros días son de proba. Henrique Outes, labrego de Rois e vicerresponsábel de Horta do Sindicato Labrego Galego (SLG), explica a Nós Diario que cada concello interpreta as normas a súa maneira. "Algúns só permitiron acceder aos que teñen o permiso anterior, outros perdoaron a taxa", asegura.

No seu caso participou no de Teo xunto a outros 11 postos. "A xente tiña moitas ganas de mercado e había que lembrarlles que gardasen a distancia de seguridade", relata. Asegura que aínda é cedo para facer unha avaliación, mais polo de agora o nivel de vendas é o habitual doutras veces.   

Comentarios