“Se as mentiras se construísen en estaleiros... con Feijóo tiñamos carga de traballo para anos”

2.000 traballadores de naval de Ferrol volveron saír á rúa para denunciar a falla de carga de traballo nos estaleiros e as “mentiras" de Goberno central e Xunta sobre os floteis de Pemex.

mani naval dique flotante Ferrol

Máis unha vez, centos de traballadores de Navantia e industrias auxiliares volveron saír á rúa en Ferrol. As demandas, as mesas que levan meses e meses reclamando: carga de traballo e a fin das mentiras por parte da Xunta e Goberno central. Xa son máis de 2.500 os postos de traballo destruídos no naval de Ferrol, unha cidade cuxa taxa de desemprego é a máis alta do Estado español, por riba do 30%.

O secretario do comité de empresa, segundo recollen as axencias, advertiu que en breve van acabar os traballos do único buque que fica en construción, LHD encargado por Australia, polo que 800 operarios ficarán sen tarefa. José Blanco denunciou que se siga a “mentir” no tema de Pemex por parte da Xunta, cuxa sede en Ferrol foi rodeada polos operarios en sinal de protesta.

“O ano pasado dicían que era cousa feita, e a día de hoxe non hai nada. Nada de nada”, lamentan desde os traballadores. “Se as mentiras se construísen en estaleiros... con Feijóo tiñamos carga de traballo para anos”, ironizaba hai semanas un traballador do naval vigués, nunha afirmación que en días como este de protesta é moi compartida en Ferrol. 

Mais o certo é que a situación, como denuncian os sindicatos, é “insostíbel” e que o naval de Ferrol non pode soportar máis esta situación: sen dique flotante, sen flotel, sen carga de traballo e con centos de traballadores máis que cualificados engrosando as listas de paro.

Comentarios