Investigación da BBC

Refuxiados sirios traballan en Turquía para Zara e outras empresas europeas

A reportaxe da cadea pública británica atopa refuxiados en factorías que fan roupa para firmas como Marks & Spencer, Mango ou a empresa de Inditex. Nalgúns casos hai menores implicados. Os refuxiados poden chegar a traballar até 12 horas ao día e cobran por baixo do salario mínimo turco.

Vaqueiros mango e zara BBC
photo_camera Fotograma da reportaxe na que se ve o taller onde refuxiados fan vaqueiros para Zara e Mango.

Refuxiados sirios explotados como man de obra barata en factorías turcas para facer roupa para a Unión Europea. Esta é a conclusión da investigación realizada pola BBC e na que aparecen implicadas empresas como a galega Zara, a catalá Mango, Marks & Spencer ou Asos. Todas estas marcas, coas que contactou a cadea británica para coñecer a súa versión, dixeron que non permitían ese tipo de traballo nos seus proveedores e que supervisan polo miúdo a cadea de suministro. Porén, na reportaxe da BBC atopa refuxiados sirios traballando en factorías que suministran a firmas europeas. Nalgúns casos, como o de M&S había refuxiados menores de idade.

Así, os xornalistas da canle británica atoparon na súa investigación refuxiados sirios a traballar 12 horas nunha factoría de Estambul para suministros de Zara e Mango. Adicábanse a pulverizar con produtos químicos perigosos os vaqueiros para branquexalos, tarefa que algúns deles realizaban sen sequer posuír máscara de proteción.

Mango respondeu que esa factoría fora contratada sen o seu coñecemento. Inditex, da que fai parte Zara, de por parte, defendeu as súas investigacións como unha forma eficaz de seguimento de que se cumpran as condicións. Recoñeceu que atopara unha “anomalía significativa” en xuño e que exixira que se subsanase.

Doce horas

No transcurso da investigació, os reporteiros descubriron que nunha factoría turca que suministra roupa a Marks & Spencer había 7 refuxiados sirios a traballar por menos dunha libra a hora (por baixo do salario mínimo turco), que foran empregados a través dun intermediario e que se lles pagaba en man e na rúa, é dicir, en B. Unha desas persoas refuxiadas recoñeceu que na factoría se lles trataba mal. “Se a un sirio lle pasa algo, desfanse del como se fose unha peza de roupa”. Outro dos refuxiados, de 15 anos, afirmou traballar 12 horas ao día pasando o ferro. Nun taller que suministra a Asos, empresa de venda on-line, a BBC atopou traballando sirios (algúns deles, crianzas) que carecían de permiso de traballo. “Eles saben que están a ser explotados mais non poden facer nada”.

M&S manifestou que para eles o comercio “ético é fundamental” e anunciou que “faremos todo o posíbel para que non volva acontecer”. Mais Danielle MacMulla, dunha ONG que se centra en investigar o cumprimento dos dereitos humanos, considera que "non é abondo dicir que non o sabian e que non volverá suceder".

Comentarios