INDICIOS DE DELITOS DURANTE O PROCESO DE FUSIóN DAS CAIXAS

Ex-director de Caixa Galicia vendeu presuntamente inmobles da entidade á súa muller por baixo do prezo de taxación

Documentación recibida pola CIG apontaría a operacións por 1,8 millóns de euros que se desenvolveron despois de se anunciar a fusión das caixas galegas. Sindicato e BNG reclaman a reabertura da Comisión de Investigación parlamentar para investigar os feitos

Clodo e Jorquera
photo_camera C. Montero e F. Jorquera

José Luis Méndez López, ex-director da Corporación Caixa Galicia, e o seu fillo, José Luis Méndez Pascual, conselleiro delegado, estarían supostamente involucrados en operacións de compra-venda de activos desta entidade financeira por baixo do valor de taxación fixado pola propia caixa. Pisos, garaxes e locais que venderon á muller de J. L. Méndez (posterior á separación de bens) por baixo do prezo taxado. Isto é o que se desvela, segundo a CIG, da información remitida de forma anónima a este sindicato e que a central nacionalista e BNG presentaron esta quinta feira.

É documentación que apontaría a "indicios graves de delito", segundo Clodo Montero, secretario nacional de CIG-Banca, e que vai ser facilitada aos diferentes grupos parlamentares. O grupo do BNG xa cualificou por boca do seu portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, de "extrema gravidade" o que se desprendía dos documentos. Ora ben, quer Jorquera quer Montero resaltaron que se ben esa documentación "ten todos os visos de ser real", hai que manter a presunción de inocencia. 

Unha desas operacións, por 600.000 euros, teríase realizado tan só 2 días antes de se asinar oficialmente a fusión de Caixa Galicia e Caixa Nova

O acaído, sinalou o voceiro nacionalista, é que se reabra a Comisión de Investigación das Caixas do Parlamento de Galiza. "O propio plan de traballo da comisión di que pode reabrirse se hai novidades relevantes, e esta éo", engadiu. E anunciou que pedirán a comparecencia perante a comisión de José Luis Méndez, do seu fillo e do representante da Xunta na entidade financiera.

Pisos, garaxes e locais

CIG e BNG manteñen que, en base a esta documentación, e sempre supostamente, José Luis Méndez e o seu fillo terían vendido pisos, garaxes e locais da Corporación Caixa Galicia por baixo do valor de taxación á muller do ex-director xeral da entidade. Foron operacións por 1.800.000 euros e que se levaron a cabo despois de Feijóo anunciar a fusión de CG e Caixanova, o que implicaría o fin de ambas as dúas por separado.

O BNG vai pedir a reapertura da Comisión das Caixas para investigar a documentación. De non facelo, os documentos serán postos en mans da Fiscalía de Galiza

Mesmo, apuntou Clodo Montero, unha desas operacións, por 600.000 euros, teríase feito dous días antes da fusión de ambas as dúas caixas.

Se a Comisión non actuar, levarase a documentación á Fiscalía

Na documentación recibida pola central sindical hai, aclaran, escrituras notariais, taxacións, anotacións en conta de ingresos.. da lectura das mesmas entenden que hai "indicios claros de que puido haber feitos delictivos", en palabras de Francisco Jorquera.

O portavoz do BNG considera que a información recibida polo sindicato vén confirmar a denuncia do nacionalismo de que "houbo un saqueo nas nosas caixas de aforro". Mesmo botou man de Woody Allen para definir o acontecido co título dun dos seus filmes: "Colle o diñeiro e corre". Para o BNG, "José Luis Méndez estableceu en Caixa Galicia un reinado durante 29 anos, colocando os seus fillos como se fose unha dinastía".

Francisco Jorquera e Clodomiro Montero afirmaron que, de non reabrirse a Comisión de Investigación das Caixas para investigar a documentación, poñerían todos os papeis en mans da Fiscalía de Galiza.

Comentarios