Pemex e o goberno Feixoo

Memorial de fracasos económicos

Dez anos despois da súa primeira toma de posesión como presidente da Galiza, Feixoo acumula no armario varios cadáveres en materia económica, o último deles o relacionado coa mexicana Pemex. A empresa paraestatal que o líder do PP presentaba como salvadora do naval galego está agora baixo a lupa do goberno mexicano por “tráfico de contratos e compras con sobreprezos”. Eis un extracto da información publicada no número 354 do semanario en papel Sermos Galiza.

f3_duplaEconomia

m3_duplaEconomiaMéxico anunciaba a finais de xuño que ía revisar os contratos da petroleira paraestatal Pemex con Navantia e Barreras nunha “limpa contra a corrupción”. Un anuncio que supón, entre outras moitas cuestións, un torpedo á liña de flotación de Núñez Feixoo, que en 2012 optara por acaparar todo o protagonismo do acordo con Pemex (en plena precampaña electoral, lembremos) para se postular como salvador do naval galego. “Son o director comercial da Galiza”, chegou a manifestar o presidente galego para se presentar como valedor dos intereses económicos e comerciais do país. Mais os resultados das súas xestións, en Pemex mais tamén noutros campos, situarían calquera director comercial dunha empresa (xa non digamos dun país) na rúa.

Unha ollada a esta década de goberno de Núñez Feixoo evidencia, no económico, importantes fracasos. A fin do sistema financeiro galego é un dos principais, coa morte das caixas e a desaparición do Banco Pastor. Outros territorios exerceron as competencias que lles fornece o seu autogoberno (Euskadi, Catalunya) para garantir non ficar sen ferramentas financeiras propias.

O executivo de Núñez Feixoo non, e iso supuxo o que supuxo: un país ao pairo en pleno proceso de concentración e centralización financeira. Outro dos “logros” ten a ver co discurso de austeridade co que Feixoo desembarcou en 2009 e que se veu abaixo cunha débeda pública que aumentou nun 130% desde que chegou ao poder.

Estes foron anos duros en canto a feche e desaparición de empresas, da conserveira Alfageme a T-Solar, Pórtico ou Montoto. Non houbo estratexia acaída da Xunta para facer fronte a unha vaga de feches e deslocalizacións que afondan na Galiza como ermo industrial. O propio Foro Económico da Galiza cualificou en 2016 de “fracaso” a axenda económica da Xunta e suxeriulle que revisase prioridades.

A deslocalización do sector do automóbil cara ao norte de Portugal é outro fracaso. Un presidente que se gaba de ter liña directa cos “mandamases” deste sector, ao que a Xunta destinou millóns de euros, non sabe que facer perante a marcha dunha trintena de empresas cara ao norte do país veciño. Cada galega tería que destinar 70 días de traballo ao ano para pagar a débeda autonómica. Tamén no sector primario foron estes anos duros, malia que desde as Consellarías do Mar ou de Medio Ambiente se estendesen en anuncios de apoios e respaldos. A realidade é ben diferente. En 2018 botaron o feche máis de 400 granxas de leite, quedando Galiza cun total de 7458 explotacións. En marzo de 2015 entraba en vigor a fin da cota láctea.

[Podes ler a información íntegra no número 354 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios