Melloran as exportacións en xullo mais seguen en números vermellos

As exportacións relacionadas coa automoción tiran do comercio exterior galego
Descarga no porto exterior da Coruña (Autoridade Portuaria).
photo_camera Descarga no porto exterior da Coruña (Autoridade Portuaria).

O tráfico comercial de mercadorías entre Galiza e o extranxeiro segue en números vermellos. E iso a pesar de que o pasado mes de xullo o volume de exportacións ascendeu até os 1.957,36 millóns de euros, o que representa un incremento de 4,3% en taxa interanual.

Esta mellora serviu para deixar a caída nas exportacións no que vai de ano por baixo de 15%. En concreto, nos sete primeiros meses do ano, as vendas de produtos galegos ao estranxeiro caeron 14,3% en relación co mesmo período do ano anterior, até situarse en 10.607,87 millóns de euros, segundo os datos publicados onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Esta caída sitúase lixeiramente por riba da media dos territorios do Estado, que entre xaneiro e xullo viron caer as súas exportacións 14,6%.

No que atinxe ás importacións, estas baixaron aínda con máis forza, 22,4% até agosto. O global dos bens importados situou o seu valor nos 8.949,27 millóns de euros, o que deixa un saldo positivo de 1.658,6 millóns de euros, 45% superior ao do mesmo período de 2019.

A automoción manda

Respecto dos produtos con maior influencia positiva no comportamento das exportacións en xullo destacan os vehículos automóbiles e tractores, cun peso de 35,2% sobre o total de bens exportados e unha taxa interanual de 74,6%.

No extremo oposto sitúase outro dos sectores motores da economía, o téxtil, xa que as pezas de vestir non de punto, combustíbeis e aceites minerais e barcos e embarcacións foron os que tiveron unha maior contribución negativa. 

No lado das importacións, repiten nesta estatística pero en positivo os combustíbeis e aceites minerais, mentres que a repercusión negativa centrouse en materiais plásticos e as súas manufacturas.

Por destino, as expedicións dirixidas á Unión Europea en xullo presentaron unha variación interanual de 10% e entre os países en que o peso do comercio é significativo os maiores ascensos foron os de Francia (50,2%), Bélxica (37,4%), Alemaña (14,1%) e Italia (7,2%). Os maiores descensos, Países Baixos (-37,8%) e Portugal (-6,2%).

No caso das introducións da UE, a diminución foi de 9,9% debido a unha baixada xeneralizada das compras á maioría dos países representativos.

Comentarios