sábado 27/11/21

Medran a desigualdade e a pobreza por mor da Covid-19

Un estudo dos investigadores Juan Gabriel Rodríguez, Raquel Sebastián e Juan César Palomino avalía o impacto das restricións. Na Galiza as peor paradas son aquelas personas que xa vivían por debaixo do limiar da pobreza.
Entrega de comida nunha entidade benéfico-social. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
Entrega de comida nunha entidade benéfico-social. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

As persoas traballadoras galegas que se atopaban antes da crise da Covid-19 por baixo do limiar da pobreza son tamén as que máis sofren as restricións para frear o seu avance, até o punto de perder 22% dos seus salarios. 

Así se desprende dunha investigación levada a cabo por Juan Gabriel Rodríguez e Raquel Sebastián (Universidade Complutense) e Juan César Palomino (Universidade de Oxford) na que constatan que as medidas de distanciamento social e confinamento deseñadas para combater a propagación da Covid-19 están a crear un incremento xeral da pobreza e a desigualdade.

Segundo as persoas que elaboraron o informe, estas medidas están a provocar un efecto económico desigual sobre os traballadores, en función da súa industria e ocupación.

Así, nun escenario de dous meses de confinamento unido a de meses de fechamentos parciais, estiman que a porcentaxe de persoas traballadoras cuxa renda caeu por baixo da liña de pobreza aumentou do 25,6% ao 36,2% no Estado español. Ademais, engaden que as persoas que con rendas baixas antes da Covid-19, sofren as maiores perdas salariais, como no caso da Galiza. As expertas detallan que o impacto da pandemia é desigual por territorios. Así, por exemplo, a maior porcentaxe de pobreza e desigualdade rexístrase nas Balears e nas Canarias mentres que no extremo oposto atópanse Nafarroa e Estremadura.

Na súa investigación alertan de que, en ausencia de medidas compensatorias, a pobreza e a desigualdade aumentaron en todo o Estado, especialmente nos territorios con máis peso do turismo, fronte a outros nos que as ocupacións esenciais (sector primario) ou con posibilidades de traballo, non foron tan acusadas. 

En canto ao incremento da desigualdade salarial, ambos os arquipélagos son tamén os máis afectados cun aumento estimado da desigualdade de 5,3 (Balears) e 4,6 (Canarias) puntos no índice Gini. No outro extremo, figuran Nafarroa (2,3), Asturias (2,7) e A Rioxa (3,0).

No que atinxe á perda salarial das persoas que xa se atopaban por baixo do limiar da pobreza, Balears (24,8%), Cantabria (23,5%), Madrid (23,4%), País Valenciá (23,2%), Galiza (22,0%) e Euskadi (21,8%) son as que máis sofren.

Medran a desigualdade e a pobreza por mor da Covid-19
comentarios