Medran as dúbidas sobre o acordo da Xunta con Pemex

Feijóo insiste en que se construirán os barcos entrementres a dirección de Navantia recoñécelle ás e aos traballador@s que non viu o contrato. No punto de mira están as cláusulas suspensivas recollidas nos contratos polas que non habería garantía de que os buques sexan finalmente construídos en Galiza.
photo_camera Estaleiro de Barreras en Vigo

O descoñecemento sobre os termos seguen a engadir incerteza arredor dos contratos que --tras os anunciar con grandilocuencia, o que lle valeu unha amoestación da Xunta electoral-- o presidente da Xunta e candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, asinou coa empresa mexicana Pemex para construír dous barcos hotel nos estaleiros galegos de Vigo e Ferrol, que atravesan unha grave crise e precisan carga de traballo. Perante as fortes críticas sobre o misterio e serias dúbidas que rodean o asunto, tanto o goberno galego como Navantia reaccionaron intentando transmitir calma, algo que segundo as e os traballador@s do naval non acabaron de conseguir.

O persoal de Navantia, en Ferrol, foi informado esta segunda feira por vez primeira pola dirección, nunha asemblea na que os directivos recoñeceron que tampouco puideron ver os contratos durante a xuntanza que mantiveron con Feijóo hai uns días. Desde a dirección do estaleiro ferrolán consideran que en México os termos do contrato, que acreditan que existe, están pendentes de confirmación por parte do consello de administración.

En todo caso, o Comité de empresa do estaleiro asegura, por boca do seu presidente, Ignacio Naveiras, que “isto só é unha calma relativa sen maior seguridade, polo que se manterá o calendario de mobilizacións”, lembrando tamén que a súa principal reivindicación segue a ser o dique flotante. Así mesmo, xa teñen denunciado que a carga de traballo que suporá o acordo anunciado por Feijóo con Pemex sería cinco veces menor á que publicitou o líder do PP. O Comité de Navantia mantén un peche de protesta no concello.

Sen garantías de que os barcos sexan construídos en Galiza

No punto de mira están as cláusulas suspensivas recollidas no acordo --e recoñecidas pola propia Xunta-- polas que non habería garantía de que os buques sexan finalmente construídos en gradas galegas.

Porén, onte dende Madrid, Núñez Feijóo insistiu na existencia de contratos “garantidos” e até dixo “non ter problemas en ensinar os mesmos”, tal e como lle piden sindicatos e organizacións políticas como o BNG, que esixiu unha reunión da Deputación Permanente do Parlamento Galego para explicar o caso, logo de que informacións chegadas dende México deixaran no aire a fiabilidade e seguridade do acordo.

As centrais sindicais temen que se trate da “venda de fume electoral”

Os sindicatos seguen expectantes a sucesión de acontecementos, pero denuncian, como afirma o líder da CIG, Suso Seixo, que “a Xunta xa mentiu aos cidadáns, segue a ser pouco clara e ten uns modos de actuación máis propios de mafias que de gobernantes democráticos, o que demostra até que punto o PP é capaz de enganar con tal de manter o poder, utilizando para elo feitos tan graves como a perda de postos de traballo”.

Pola súa parte, o portavoz de metal da UGT en Vigo, Diego Atanes, insiste en solicitar que “a Xunta faga públicos os documentos, porque en caso contrario “pode haber confusión, crispación ou unha venta de fume en época electoral”.

Comentarios