Medra a riqueza do país mais non os soldos

O salario medio aumentou 24 puntos menos que a riqueza de Galiza desde o ano 2000. Un dado significativo, como o feito de que os ingresos medios dunha persoa asalariada no noso país en 2016 se manteñan ao mesmo nivel que en 2011, algo que non acontece no Estado español, onde aumentaron de media 450 euros. O peso dos salarios no PIB galego caeu durante os anos de crise. E non semella que isto cambie coa cacarexada recuperación. Eis un extracto da información publicada no Sermos Galiza 275.

Traballador industria

6A quí hai quen gaña e hai quen perde. Aquí é Galiza, a Galiza destes últimos anos mais, non só a que se circunscribe nese período. De 2000 a 2016 o salario medio medrou 24 puntos menos que o Produto Interior Bruto (PIB) do noso país nese mesmo período. Un dado esclarecedor como poucos. Un indicador de como os salarios, as rendas do traballo, perden peso fronte á parte da riqueza que fica en mans das empresas. Desde que comezou o século XXI até agora o PIB incrementouse en case o 74%, mentres que o salario medio apenas o fixo un 50%. O Produto Interior Bruto pasou nese período de 33.391 millóns de euros a case 58 mil millóns.

O ingreso medio dunha persoa asalariada no noso país era de 1.209 euros no ano 2000 e é agora de 1.787 euros. Moi por baixo do incremento do PIB? Si. Mais tamén un salario peor a respeito da media española do que o era hai 16 anos. Así, a diferenza entre o ingreso medio dunha persoa que traballaba na Galiza e unha no Estado español en 2000 era de 13% a favor desta última. Agora é de 15%, dous puntos máis.

Podemos ler moitos dados para a preocupación nestes anos. Como o de que o salario medio bruto na Galiza apenas variou entre 20011 e 2016 (de 1.787 daquela a 1.787,3 gora)e mentres no Estado español aumentou en 444 euros anuais (de 1.841 a 1878). Pódese dicir que salarialmente foron seis anos perdidos para Galiza, uns anos nos que se acentuou a figura do traballador pobre, como constatan os informes da Axencia Tributaria. Ora ben, non perdamos a perspectiva, como nos lembra o economista Emilio López. “O único grupo de asalariados que sobe en Galiza son os que ingresan menos da metade do salario mínimo”. Mais, engade, “hai que completar o cadro”. E Galiza é o “segundo territorio do Estado, tras Madrid, onde o grupo de asalariados con maiores ingresos ten o salario medio máis elevado”.

[Podes ler a información íntegra no número 275 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios