martes 28/09/21

A Xunta envía cartas a explotacións gandeiras prometendo axudas denegadas

A poucos días da xornada electoral a Xunta envía notificacións ás gandeiras e gandeiros asegurando que lles concederá as axudas denegadas o pasado mes de xuño. A Asociación de Prexudicadas pola Fauna Salvaxe (Aperfasa-Galiza) denuncia, tamén, que asesores da Consellaría chaman persoalmente ás explotacións, actuacións que consideran que buscan de maneira irregular o voto.
Carta enviada ás explotacións gandeiras pola Consellaría de Medio Rural (Nós Diario)
Carta enviada ás explotacións gandeiras pola Consellaría de Medio Rural (Nós Diario)

A Asociación de Prexudicadas pola Fauna Salvaxe (Aperfasa-Galiza) denuncia que esta última semana de campaña electoral, centos de explotacións gandeiras recibiron cartas da Administración galega anunciando a aprobación de axudas económicas para a prevención de danos causados por lobos e xabaríns que foron denegadas no mes de xuño.

Segundo explican desde esta organización, as axudas aprobadas na convocatoria de 2019 foron notificadas o día 30 de agosto dese mesmo ano e aquelas que foron denegadas non recibiron a confirmación até o pasado 6 de xuño de 2020. "Todo normal", indican fontes desta asociación, "até que o día 8 de xullo as explotacións comezaron a recibir cartas que consideramos son graves". 

Rectificar sen ter orzamento

Nós Diario tivo acceso a algunhas desas cartas, asinadas pola directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, que indican que as axudas solicitadas o ano pasado, denegadas en xuño, agora pasan a reconsiderarse "polo seu interese económico e social" e tramitarase o "expediente que permitirá a concesión da axuda solicitada". As cantidades que se aprobarían coinciden en todos os casos coas cantidades solicitadas polas propias gandeiras e gandeiros.

"É unha carta explicativa, puro comercio de votos", aseguran desde Aperfasa-Galiza. "Nós temos unha resolución aprobatoria e se quixesen poderían mandar unha rectificación desa resolución denegatoria", engaden. A gravidade, neste caso, viría polo envío a poucos días da xornada electoral mais tamén pola imposibilidade de contar con orzamentos para facer efectiva a afirmación que contén.

Na mesma carta sinalan que no seu momento fora denegada polo "elevado número de solicitudes presentadas (que) determinou que o crédito orzamentario se vise amplamente superado". 

Promesa electoral

"É unha promesa electoral sen un fundamento orzamentario", indican desde Aperfasa-Galiza, "se a gandeira ou gandeiro reclama, a xustiza dirá que é unha intención, non unha resolución concreta con fondos", clarifica. Esta mesma semana as explotacións recibiron tamén a notificación por escrito da aprobación das axudas polo mesmo motivo de 2020. "Viñeron todas admitidas e polas cantidades totais solicitadas", explican desde a asociación, "é un despropósito, non hai orzamento para isto", confirman. Ademais numerosas explotacións denunciaron, tamén estes días, chamadas telefónicas de asesores de Medio Rural interesándose por estas e outras axudas. 

comentarios