Medio Rural deixa en mans do Estado a solución ao problema de custos do lácteo

A Xunta fía a Madrid unha solución sobre o lácteo que si busca no país para a Tenreira Galega.
O sector reclama da Xunta as ferramentas necesarias para certificar os custos nas granxas e recollelos nos contratos coa industria (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera O sector reclama da Xunta as ferramentas necesarias para certificar os custos nas granxas e recollelos nos contratos coa industria (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

A Xunta da Galiza impulsou a sinatura dun acordo entre produtores, industria e distribución para a elaboración dun protocolo que impida a venda a perdas na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Tenreira Galega, na liña do estabelecido pola lei da cadea alimentaria.

Ese acordo, asinado o pasado 28 de marzo, do que se desmarcaron tanto a Federación Rural Galega (Fruga) como o Sindicato Labrego Galego (SLG) por facerse "sen transparencia" e sen ser "analizado, debatido e consensuado previamente" con todos os axentes do sector; recolle o  compromiso das industrias de pagar aos gandeiros un prezo igual ou superior ao dos custos de produción da carne. Iso si, tanto a Fruga como o SLG denuncian que esa cuestión non está ben desenvolvida no texto do acordo.

A idea do acordo é que a industria aplique nas súas relacións comerciais as conclusións de estudos e informes sobre custos que elabore o Observatorio da Cadea Alimentaria Galega, un órgano de nova creación que dependerá da Consellaría de Medio Rural. 

Porén, o sector lácteo, segue á espera de que o Executivo galego mova ficha para regular a fixación de prezos do leite. Levan meses exixindo a fixación de índices de referencia, que consideran unha peza chave na negociación dos contratos coa industria, especialmente para evitar as vendas a perdas.

A conta láctea

Medio Rural pretende facer valer a súa aplicación, a Conta Láctea, creada para que os gandeiros poidan calcular os seus custos de produción, pero que as industrias non acaban de aceptar porque é unha ferramenta "de parte", din, ao seren os gandeiros quen achegan os datos. 

Mais para ter oficialidade precisaría que as referencias non fosen cuestionábeis e se incluíse na propia Lei da Cadea. 

Outra opción que propuxo a Consellaría na última reunión co sector, e que obtivo máis apoios que a conta láctea, foi a da constitución, xunto ao Observatorio, dunha Axencia de Información e Control Alimentar (AICA) na Galiza, que velaría polo cumprimento da lei nas relacións entre produtores e industria.

A pesar de estar en disposición de garantir un acordo como o da carne de vacún entre as partes, o conselleiro de Medio Rural opta por deixa en mans do Estado español o futuro do lácteo galego.

Acordo desde Madrid 

Segundo argumentou, o acordo galego para que a carne amparada baixo a IXP Tenreira Galega non se comercialice por baixo dos custos de produción foi posíbel porque se trata dun produto que, maioritariamente, se produce, transforma e consume sen saír da Galiza, cousa que non ocorre co leite. 

Neste senso, o conselleiro apela o Executivo estatal para que promova acordos deste tipo en aras de cumprir o estabelecido na lei e así evitar a venda a perdas "xeneralizada" que se daba entre produtores de vacún.

"É un camiño complicado que ten dificultades, pero é necesario que se abra e se faga a nivel estatal en sectores como o lácteo", insistiu González, que marcou así camiños separados para os produtores de vacún de leite e de carne, a pesar de que ambos  os dous contribúen a asentar poboación no rural e ao coidado do medio natural, especialmente en zonas de montaña.

Comentarios