Medio cento de sucursais bancarias fechan na Galiza no terceiro trimestre

Tras os feches, o número total de oficinas sitúase na Galiza por baixo das 1.500.
Sucursal de Abanca na Coruña. (Xoán Roberes)
photo_camera Sucursal de Abanca na Coruña. (Xoán Roberes)

A banca fechou na Galiza 49 oficinas no terceiro trimestre do ano, o que deixa o número total de sucursais nas 1.428. O Santander, e en menor medida Caixabank, están detrás da maioría dos feches, xa que ambas entidades puxeron en marcha este ano Expedientes de Regulación de Emprego asociados á redución das súas respectivas redes comerciais. 

No caso do Santander, a integración do Popular, que aínda non acabar de dixerir a compra do Banco Pastor, xerou un gran número de duplicidades en centos de vilas galegas, que agora ven como a rede comercial das entidades bancarias queda reducida á mínima expresión. No conxunto do Estado, o Santander fechou 395 oficinas neste período, polas 183 de Caixabank.

Segundo a estatística publicada recentemente polo Banco de España, as entidades de depósito españolas fecharon 553 sucursais entre xullo e setembro, a razón de seis por día, até situar o total da rede en 24.855 oficinas. É a primeira vez desde xuño de 1980 que a cifra baixa das 25.000 sucursais. 

Con todo, Galiza non é das comunidades que máis oficinas perden. Lideran a listaxe Cataluña e Castela e León, con 79 feches cada unha, seguidas de Andalucía (72) e Madrid (53). Por detrás quedarían a Comunidade Valenciana, con 51, e Galiza, coas mencionadas 49. Por detrás figuran Castela-A Mancha, onde se fecharon 29 oficinas; Estremadura, onde se suprimiron 28; Euskadi 21, en Aragón 17, nas Baleares 21, en Canarias 15, na Rexión de Murcia 14, en Nafarroa 9, en Asturias 9, na Rioxa 8 e en Cantabria 3. En Ceuta e Melilla mantiveron as 37 oficinas existentes. 

Comentarios