As medidas de Citroën para reducir a sobrecarga de traballo non convencen o cadro de persoal

Máis de 40% do persoal da liña de montaxe 2 da factoría de Vigo participou na enquisa/referendo organizado pola sección sindical da CIG. Deles, 94% consideran insuficientes as medidas para reducir a sobrecarga e 73% das participantes amósase partidario de convocar unha folga.

citroen folga
photo_camera Mobilización do persoal de Citroën

A factoría de Citroën en Vigo viviu en maio dúas xornadas de paros en protesta pola sobrecarga de traballo. Folga cun amplo seguimento que mesmo paralizou a actividade nas liñas de montaxe. Era a resposta do persoal a una situación que consideran “insostíbel”. A dirección informaba de que tomaba nota e que adoptaría medidas para reducir a sobrecarga física e mental das e dos operarios.

Máis de 500 traballadoras e traballadoras da liña de montaxe 2 de Citroën -40% do persoal desa liña-  participaron na consulta/referendo convocado pola sección da CIG nesta empresa. Unha participación que se deu, indica o sindicato, malia “dos impedimentos da dirección para que se levase a cabo nas liñas de produción coma sempre se fixo”.

Máis de 94% considera insuficiente as medidas implantadas pola dirección para reducir a sobrecarga de traballo. Máis de 89% das persoas que emitiron a súa opinión non observan melloras nas cargas nin nos postos de traballo: 51 responderon afirmativamente e 501 fixérono negativamente, contabilizándose 26 votos en branco e 1 nulo. 

Ademais, 85% das participantes aseguran non poder desenvolver elas soas o seu traballo ao 100%: 60 dixeron que si, 476 que non, 22 votaron en branco e houbo 2 votos nulos.

Na enquisa tamén se preguntaba se os problemas da cadea de montaxe deben de ser tratados coa presenza de todas as organizacións sindicais con representación na empresa, ao que responderon afirmativamente 88% dos participantes.

Folga

A enquisa completábase cunha consulta a respecto da posibilidade de convocar unha folga no mes de xullo no caso de considerar insuficientes as medidas implantadas pola dirección. Segundo os datos recollidos pola CIG, 73% dos participantes amósase partidario da medida.

Porén, desde CIG entenden que para validar esta proposta a participación na consulta debera superar o 50%.  Para a CIG, os resultados da enquisa/referendo amosan “de xeito claro e contundente” que o persoal “non comparte as melloras que a dirección tanto insiste en facerlle ver, de aí que prohibira este exercicio democrático menosprezando os que nos deixamos a saúde no traballo, en lugar de atender as xustas demandas dos traballadores/as”.

Comentarios