Masiva resposta á chamada dos sindicatos a defender o sector naval

Varios millares de persoas ateigaron as rúas de Vigo para demandar carga de traballo para estaleiros e auxiliares e denunciar a responsabilidade do goberno galego e español na crise do sector

Vigo viviu unha manifestación masiva, con milleiros de persoas respaldando nas rúas olívicas a convocatoria das tres centrais sindicais (CIG, CCOO e UGT) na defensa dun sector, o naval, que representa 10.000 postos de traballo directos e 30.000 inducidos, alén do 30% da riqueza da comarca. Motivos dabondo para que a cidade respaldase os traballadores do naval cunha asistencia masiva á manifestación, que saiu ben pasadas as sete do cruzamento de Lepanto e Urzaiz para finalizar na Porta do Sol (tiña previsto rematar na delegación da Xunta mais alí decidiron facelo os e as ‘indignadas’).

Operari@s dos estaleiros e das industrias auxiliares, mais tamén familias ao completo, parellas moi xoves, moz@s e maiores, vigueses e procedentes de diferentes partes da comarca e da Galiza… A manifestación polo naval decorreu composta por milleiros de persoas de toda condición que coa súa presenza exixían solucións para o naval, mais tamén denunciaban as responsabilidades e culpabilidades dos gobernos español e galego ante unha realidade que dá calofríos: Desde o bloqueo do tax lease xa desapareceron máis de 8.000 empregos e unhas 200 empresas tiveron que fechar.

A Policía local de Vigo cifrou en máis de 6.000 os e as asistentes a esta movilización, aínda que fontes sindicais elevaban a mesma até as 10.000. “Había anos que non se vía unha así en Vigo por unha cousa laboral e tivo que ser, coma non, polo naval”, comentaba un manifestante, extraballador dos asteleiros vigueses. Na marcha estiveron tamén representantes das diferentes organizacións políticas, como BNG, PSOE, IU e mesmo PP. Un feito, a presenza de altos cargos do Partido Popular, que non deixou de xerar certa tensión entre non poucos manifestantes, algúns e algunhas das cales lle recriminaron a súa presenza na mesma.

“Hai responsábeis”

A actriz Uxía Blanco foi a encargada de ler un manifesto final, no que se exixiu ao goberno español que deixe de escudarse na responsabilidade da Unión Europea e faga valer as súas competencias para garantir carga de traballo para o naval. Incidiu así a actriz nunca das demandas máis seguidas na mobilzación, e que deixaba claro que “hai responsábeis” políticos de que se perdan milleiros de postos de traballo neste sector.

Entre os asistentes á mobilización estaba Francisco Joquera, candidato do BNG á presidencia da Xunta. O nacionalista manifestou, unha vez finalizada a manifestación que "“a suspensión do tax lease tiña como obxectivo que os esteleiros franceses e holandeses se quedasen coa cota de mercado dos esteleiros galegos. Así de simples. Franza e Holanda continúan a desfrutar de reximes fiscais moi favorábeis. Galiza, en troca, non. Así non podemos competir en pé de igualdade”. Jorquera demandou aos gobernos do Estado e galego que abandonen a súa pasividade e defendan con firmeza ante Bruxelas os intereses do naval galego.

Comentarios