As mascotas, o descoñecido nicho de mercado das grandes empresas galegas

Firmas como Zendal, Jealsa ou Inditex teñen liñas de negocio pensadas para os animais domésticos.
O gasto das galegas en mascotas, tanto en alimentación como noutros servizos, incrementouse nos últimos anos .(Foto: María José López / Europa Press)
photo_camera O gasto das galegas en mascotas incrementouse nos últimos anos (Foto: María José López / Europa Press).

A pandemia da Covid-19 e o confinamento trouxeron consigo un crecente interese por parte da poboación polas mascotas, unha tendencia que se mantén e que mesmo vén acompañada dun incremento no gasto que as súas propietarias fan nelas.

Nas grandes urbes galegas hai censadas arredor de 150.000 mascotas, unha cifra que só a superan en número de habitantes as cidades da Coruña e Vigo.

Pero na Galiza tamén hai unha industria puxante que aposta no coidado dos animais domésticos e que, segundo os datos de Veterindustria, facturou o pasado ano 71,26 millóns de euros.

Unha das empresas galegas das que máis se falou nos tempos da Covid-19, o grupo Zendal, é un dos referentes neste campo. O inicio da súa andadura data de 1993, cando se fixo coa división veterinaria da galega Zeltia (agora Pharmamar), Cooper-Zeltia Veterinaria, que despois renomearía como CZ Vaccines, actual matriz do grupo Zendal.

Esta división está especializada na fabricación de produtos veterinarios e destaca por ser líder mundial na produción de solucións a partir de micobacterias para o tratamento de doenzas como a tuberculose, tanto en animais como en humanos, esta última en fase de investigación.

Xunto a esta división, Zendal conta coa filial Petia Vet Health, con presenza en 65 países, que ofrece complementos alimenticios para mascotas e tamén unha liña de material cirúrxico para as clínicas veterinarias.

Menús selectos

No campo da alimentación para mascotas tamén destaca un grupo punteiro galego: Jealsa, que desde hai anos conta cunha división específica, Pet Select. Nas súas plantas de Boiro ─recentemente afectada por un aparatoso incendio que ocasionou importantes danos materiais─ e a da Pobra elabora produtos de "etiqueta limpa" (receitas a base de poucos ingredientes e sen aditivos) elaborados a partir de lombo de atún, de peituga de polo ou pavo ou carne de vacún que comercializan baixo as marcas Cat Select e Dog Select. Tamén fabrica para outras marcas de recoñecido prestixio internacional.

Pero no mercado tamén hai espazo para proxectos de nova creación. Este é o caso de Lenda, unha firma premium de alimentación de mascotas que xurdiu hai cinco anos en Tui e que xa está presente en 21 mercados cos seus pensos e produtos de alimentación húmida.

Implantes cirúrxicos

Mais a preocupación polo coidado dos animais domésticos tamén chega a outros sectores. No ámbito tecnolóxico, a firma Beta Implants conta cunha trintena de persoas no seu cadro, entre as que hai persoal de enxeñaría, biomedicina ou cirurxía especializado na fabricación de implantes para mascotas.

A compañía vén de converterse na segunda firma en confirmar o seu desembarco na plataforma loxística Salvaterra-As Neves (Plisan), coa reserva de 2.500 metros cadrados cos que poderá triplicar a superficie das súas instalacións e aumentar o cadro de persoal até as 200 persoas.

Entre as solucións que oferta Beta Implants figura unha ferramenta de software conectada a unha app que permite ao persoal veterinario deseñar a prótese á medida de cada animal para que a empresa a fabrique e a asesore no proceso de implantación.

Produtos téxtiles e servizos funerarios

O negocio das mascotas move miles de millóns de euros en todo o mundo, e as solucións non se limitan só a alimentación e saúde. Cada vez hai máis empresas que ofrecen outro tipo de servizos ás persoas propietarias de animais de compañía.

Sen ir máis lonxe, Inditex vén de incorporar unha liña de produtos téxtiles para mascotas nas súas tendas de Zara Home. A tamén galega Adolfo Domínguez chegara a contar no seu día cunha división de moda para mascotas.

E para o final da vida dos pequenos habitantes da casa tamén hai unha crecente oferta de servizos funerarios. Nesta liña, hai tan só unas semanas, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciaba a construción na cidade do primeiro cemiterio ecolóxico para mascotas, no que a empresa Raíces Celtas ten previsto investir 200.000 euros.

Comentarios