Marta Ortega será a nova presidenta de Inditex

Substituirá a Pablo Isla a partir do vindeiro mes de marzo.
marta ortega e  amancio
photo_camera Amancio e Marta Ortega.

Cambios na ponte de mando de Inditex. Pablo Isla cede a presidencia a Marta Ortega a partir do 31 de marzo de 2022, segundo un feito relevante enviado á CNMV. A téxtil tamén cambia o conselleiro delegado.

Con iso, a multinacional culmina o proceso de substitución xeracional iniciada en 2011 coa substitución de Amancio Ortega na presidencia de Inditex. Carlos Crespo -actual CEO- deixa o posto a Óscar García Maceiras, que até o de agora era secretario xeral. 

Marta Ortega desenvolveu a súa actividade en distintas áreas do grupo durante os últimos 15 anos e, en particular, dirixiu o reforzamento da imaxe de marca e proposta de moda de Zara.

"Vivín esta empresa desde a miña infancia e aprendín de todos os grandes profesionais cos que traballei durante os últimos quince anos", Marta Ortega

Baixo o seu liderado, lembra a empresa, materializáronse campañas con reputados creativos do sector como Steven Meisel, Fabien Baron, Karl Templer ou Luca Guadagnino, así como o lanzamento de novas coleccións 'premium', incluíndo Zara SRPLS e Charlotte Gainsbourg by Zara.

Estamos enormemente agradecidos a Pablo Isla polo seu extraordinario traballo e dedicación durante todos estes anos. Gustaríame destacar a súa inmensa contribución, non só ao noso grupo senón tamén á industria da moda en xeral", subliñou Marta Ortega.

"Vivín esta empresa desde a miña infancia e aprendín de todos os grandes profesionais cos que traballei durante os últimos quince anos. Sempre dixen que dedicaría a miña vida a desenvolver o legado dos meus pais, mirando o futuro mais aprendendo do pasado e ao servizo da compañía, os nosos accionistas e os nosos clientes, no lugar onde se considere que son máis necesaria", afirmou.

A compañía acordou a incorporación ao comité de Dirección do até agora CEO, Carlos Crespo González, (director xeral de Operacións, Transformación Sustentábel e Dixital, Inditex); Pablo Bado Rivas (director xeral, Pull&Bear); Miguel Díaz Miranda (director financeiro e de Operacións, Zara); Ignacio Fernández Fernández (director xeral de Finanzas, Inditex); Javier García Torralbo (director Xeral de E-Commerce, Zara); Begoña López-Cano Ibarreche (directora xeral de Persoas, Inditex); Beatriz Padín Santos (directora de Muller, Zara); Jorge Pérez Marcote, (director xeral, Massimo Dutti) e Óscar Pérez Marcote (director xeral, Zara).

Comentarios