Maroto fixa o 30 de setembro como data límite para fechar a venda de San Cibrao

Maroto destaca que o seu encontro co CEO de Alcoa, Roy Harvey, serviu para desbloquear o proceso de venda de San Cibrao
Alcoa
photo_camera Sede Alcoa
A visita da ministra de Industria, Reyes Maroto, a Pittsburgh para entrevistarse na sede de Alcoa co conselleiro delegado da multinacional do aluminio, Roy Harvey, serviu para desatascar o proceso de venda da planta de San Cibrao (Cervo) que, como recoñeceu a propia ministra, "dura xa demasiado tempo". 

Segundo explicou a titular de Industria após a xuntanza, Alcoa accede a desbloquear o proceso despois de que o Goberno español lle presentara unha proposta "consensuada coa Xunta da Galiza e cos sindicatos" na que se comprometen a avaliar a solvencia financeira das candidatas a facerse coas instalacións da Mariña.

Maroto tamén sinalou que o Executivo estatal está disposto a ofrecer "ferramentas de acompañamento públicas" para verificar esa solvencia e para que se faga no menor tempo posíbel. "O noso obxectivo é que a venda se anuncie como moi tarde o 30 de setembro", avanzou a ministra, que asegurou que Alcoa "foi receptiva ás nosas propostas".

"O CEO comprometeuse a desbloquear o proceso de venda da planta e a analizar as propostas que lles presentamos, e daranos resposta nas próximas dúas semanas. Ademais, o señor  Harvey recoñeceu que está disposto a vender directamente a terceiros”, apuntou a ministra.

O Ministerio de Industria, a través dun comunicado, aclarou tamén que a proposta que levou Maroto a Pittsburgh inclúe o acompañamento do Goberno español aos plans industriais e laborais que acorden as partes compradora e vendedora para asegurar o futuro industrial da planta, "incluídos os posibles riscos sobrevindos da decisión de venda", como reclamaba Alcoa, así como liñas de axudas públicas que se poden aplicar tanto ao plan industrial como enerxético, abundou.

Meses de idas e voltas

A reunión serviu tamén para marcar definitivamente un  camiño claro cara á venda despois de varios meses de disputas entre Alcoa e o Ministerio sobre quen debería liderar o proceso, así como do papel da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) na transmisión da factoría da Mariña.

Finalmente, a SEPI e o Ministerio de Industria quedarán como garantes da viabilidade do proxecto industrial elixido por Alcoa para tomar o relevo, para o que tomarán boa nota do acontecido na venda das plantas da Coruña e Avilés, agora en mans de Alu Ibérica, sen case actividade e co seu futuro nos xulgados.

Alcoa cede e negociará directamente cos posíbeis compradores, pese a que nun comunicado previo á reunión afirmaba que a proposta de articular a venda da planta de San Cibrao a través da SEPI "é o camiño para levar a cabo o proceso de venda con garantías como alternativas ao despedimento colectivo".  

Primeiras valoracións

Após coñecer as declaracións de Maroto, houbo reaccións como a da CIG que dixo acoller "con cautela" a nova. O sindicato recoñece que confiaba en que o encontro de traballo servira para ter "unha solución máis pronta no tempo".

"Esperamos que este anuncio non sexa un intento de gañar tempo por ningunha das partes implicadas e que, desta vez si, se materialice nunha rápida solución para a fábrica de aluminio no sentido que levamos meses reivindicando: garantía de recuperación de todas as capacidades produtivas e mantemento de todos os postos de traballo", afirmou o secretario xeral da central sindical, Paulo Carril.

Comentarios