Mariscadores do Burgo urxen a publicación das obras de dragado no BOE

"O Burgo morre", advirten, ao tempo que demandan o pagamento das compensacións pola paralización da actividades marisqueiras.
Rolda de prensa da confraría da ría do Burgo e do BNG (Imaxe: BNG).
photo_camera Rolda de prensa da confraría da ría do Burgo e do BNG (Imaxe: BNG).

Os mariscadores do Burgo volveron exixir á Xunta e mais ao Goberno estatal un acordo sobre o pagamento das compensacións polo dragado da ría, ademais da publicación no Boletín Oficial do Estado desta obra. Fixérono hoxe nunha comparecencia xunto a representantes do Burgo, que anunciaron pola súa banda que trasladarán a situación actual a Bruxelas.

Así o avanzou o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir, xunto a deputada nacionalista no Parlamento galego, Mercedes Queixas, e a portavoz da formación na Unión Europea, Ana Miranda.

Nunha rolda de prensa, logo dunha reunión, Baldomir denunciou o “menosprezo” por parte da Administración estatal e da Xunta, aos que reprochou non ter atendido as súas peticións de reunión sobre a licitación do proxecto e o pagamento de compensacións.

Por outra banda, cualificou de "ridículo" por parte do Goberno estatal que "faga público na prensa que comeza cos trámites de licitación, pero que non se vexa reflectido no BOE, que é o que dá a legalidade a este proxecto".

Baldormir tamén asegurou que o novo paso ante Bruxelas servirá para denunciar "o retardo inxustificado" no saneamento da ría, que cualificou dun SOS. "A ría do Burgo está a morrer", recalcou.

Iniciativas do BNG

A deputada Mercedes Queixas sinalou que a súa formación presentará emendas para tratar de que se recollan partidas nos orzamentos da Xunta para unhas compensacións que cualificou de “xustas e necesarias”.

Mentres, en relación ao escrito ante Bruxelas, Ana Miranda lembrou que hai xa dez anos tivo lugar unha denuncia na Comisión de Peticións por parte da Confraría.
A portavoz nacionalista na Unión Europea reclamou que se executen xa os fondos para as obras sinalando o risco de perder as axudas europeas e criticou o "desleixo" da Xunta nas súas funcións. 

Visita de Pablo Casado

O líder estatal do PP, Pablo Casado, visitou a ría do Burgo na mesma xornada. Alí, reclamou ao Goberno estatal a "cumprir coa súa palabra" en relación ao "dragado da ría tal e como está presupostado". Posteriormente uniuse ao presidente galego Alberto Núñez Feixoo nun acto económico sobre fondos europeos.

Comentarios