Mariscadoras da ría de Ferrol reclaman solucións á baixada da ameixa

Sinalan aos lodos, os recheos e cambios das mareas ou a un parásito como causas. "Non queremos subvencións, o único que queremos é procurar unha solución para a nosa ría e para as nosas familias", afirmaron na presentación dun calendario de mobilizacións.
Mariscadoras da ría de Ferrol instan á Xunta e ao Goberno a procurar unha solución (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Mariscadoras da ría de Ferrol instan á Xunta e ao Goberno a procurar unha solución (Imaxe: Europa Press).

Os patróns maiores das confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos cifran en 90% o descenso das capturas de ameixa nas augas da ría de Ferrol, na que faenan. Algunhas das persoas asociadas achegáronse esta semana á lonxa con "250 gramos de produto para poxalo", segundo apuntou a patroa maior da Confraría de Ferrol, Isabel Maroño.

Así o denunciou hoxe nunha rolda de prensa nas instalacións da Confraría de Barallobre acompañada de Jorge López, máximo responsábel desta agrupación, e de Jesús Pérez, da de Mugardos. No contexto actual, presentaron un calendario de mobilizacións que comezou cunha concentración ante o edificio administrativo da Xunta en Ferrol.

López detallou que a recolección de ameixa tornou “misión imposíbel” para as persoas socias. Sinalou que as problemáticas de lodos, recheos e mudanzas nas correntes súmase a chegada dun parasito, "o perkinsus olsein, que matou case toda a totalidade da ameixa babosa no banco das Pías".

Segundo as contas dos patróns maiores, o paro biolóxico ou o cese de actividade non é unha solución para facer fronte a este descenso. Non poderían acollerse a esta modalidade "máis de tres ou catro socios", segundo López, quen agregou que parte dos socios "deixan o sector, non ven futuro para o mesmo". 

Mobilizacións

En canto ás mobilizacións que teñen previsto levar a cabo, e máis alá do desta sexta feira ao mediodía, os mariscadores acudirán a vindeira quinta feira, día 15, a unha nova protesta ante o edificio da Xunta en Ferrol. A maiores, o 22 de outubro unha manifestación de vehículos particulares percorrerá os municipios de Ferrol, Narón, Neda e Fene finalizando en Mugardos a modo de protesta.

Por outra banda, o vindeiro 16 de outubro están citados representantes das tres confrarías con responsábeis da Federación de confrarías e a Federación galega de confrarías.

"Se non nos fan caso, o único que nos queda é ser como terroristas, prender lumes e logo que nos acusen de facer dano, pero é a única solución que nos queda. O que reivindicamos é poder vivir do nosos traballo, non queremos subvencións, o único que queremos é procurar unha solución para a nosa ría e para as nosas familias", lamentou a patroa Isabel Maroño. 

Comentarios