Mariñeiros retomarán as mobilizacións se a Xunta non defender o retorno ao caladoiro mauritano

A flota cefalopodeira galega que faenaba en augas de Mauritania retomará as mobilizacións se a Xunta non se compromete a reclamar un novo acordo entre a UE e o país africano que permita aos 20 barcos afectados regresar ao traballo
Protesta en Vigo

“Non pintamos nada en Europa e os que tiñan que petar na mesa non petan”. O responsábel de CIG-Mar, Xabier Aboi, resumiu nesta frase o que está a acontecer coa tramitación do acordo pesqueiro entre a UE e Mauritania "que supón a expulsión dos barcos cefalopodeiros galegos do caladoiro africano". Aboi adiantou que os afectados “non se van quedar quietos” e que nos vindeiros días convocarán protestas “porque ou se move a Consellería de Pesca ou non quedan esperanzas, xa que de Madrid e de Bruxelas non podemos agardar nada”.

Quer a CIG quer os armadores e os mariñeiros critican que a flota cefalopodeira "sexa utilizada como moeda de cambio para mellorar as condicións dos barcos peláxicos e marisqueiros españois que faenan en augas mauritanas”.

Dende a CIG-Mar insisten en que non se trata dun problema científico, senón político e acrecentan que non hai razóns obxectivas de esquilme dos recursos que ampare a expulsión dos barcos galegos desas augas norteafricanas.

Multas por se manifestar

Finalmente, denuncia que están comezando a recibir multas por teren participado nun acto celebrado na Coruña no que estaban presentes o ministro español e a comisaria europea de Pesca. A pesar de non se teren rexistrado incidentes, as propostas de sanción abalan entre os 300 e os 6.000 euros.

Comentarios