A Mariña vai á folga para exixir solucións á crise

A veciñanza da Mariña volve saír hoxe ás rúas para exixir as Administracións que tomen dunha vez medidas para garantir un futuro para a súa comarca. 
Os sindicatos chaman a secundar masivamente a folga e a marcha de Burela (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Os sindicatos chaman a secundar masivamente a folga e a marcha de Burela (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Hai agora xusto un mes, centos de persoas saíron ás rúas de Viveiro a exixir un futuro para a Mariña. Desde entón, nada mudou. Se acaso a angustia dos habitantes desta comarca, que acusan as Administracións de miraren para outro lado en lugar de buscar solucións á crise industrial, social e demográfica que ameaza desde hai anos os concellos deste extremo do país.

Esta "desidia" é a que levou os sindicatos CIG, CCOO e UXT a convocar no día de hoxe unha folga xeral de 24 horas na comarca e unha manifestación ás 12 horas polas rúas de Burela. Protestan non só pola situación de industrias como Alcoa e Vestas, co seu futuro no aire, senón polo "abandono" que sofren desde hai anos por parte das administracións estatal e galega, e que se traduce nun déficit de infraestruturas e o progresivo desmantelamento de servizos esenciais como a sanidade ou a educación, entre outros. 

Para esta convocatoria contan ademais co apoio de numerosas entidades, desde os concellos de Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, Valadouro, Viveiro e Xove, até portos pesqueiros como o de Celeiro (Viveiro) ou a gran maioría do comercio e a hostalaría local, dispostas a sacrificar unha xornada de traballo para reclamar un plan de acción a unha Xunta e un Executivo estatal aos que acusan de "mirar sistematicamente cara a outro lado". 

Aínda que a folga dará comezo oficialmente as 00 horas, nalgunhas empresas, como no caso de Alcoa, fíxose xa efectiva na quenda de noite, desde as 22 horas de onte. Tendas e supermercados tamén botarán o fechamento, "algúns só pola mañá, pero o xesto é o que conta", apuntan os sindicatos convocantes. 

"Sentímonos abandonados, ninguneados, e precisamos urxentemente que se tomen medidas tanto polo Goberno estatal como polo da Xunta", apunta o representante da CIG, Xorxe Caldeiro, que agarda que a folga e a manifestación de Burela, na que estarán representados todos os colectivos da comarca, "sexan un reflexo dese sentimento".

A idea principal desta folga, como indica a Nós Diario María José Nóvoa, responsábel de CCOO na Mariña, é "que vexan que toda a comarca está unida, que estamos aí. Non só Teruel existe; A Mariña tamén existe", profundou a representante sindical.

Servizos mínimos

Como sinala Caldeiro, os concellos xa fixaron uns servizos mínimos para que o persoal puidese acudir á marcha de Burela, mentres que, segundo denuncia o representante da CIG, os servizos mínimos estabelecidos por parte da Administración galega son "absolutamente abusivos", tanto no ensino como na sanidade. "Cento por cento no persoal de limpeza, cento por cento no de comedores, un profesor por aula... Practicamente cento por cento van ser declarados servizos mínimos", criticou.

De feito, o sindicato emitiu onte un comunicado a este respecto no que anunciaba a presentación dun recurso contra "un novo boicot da Xunta" ás liberdades de toda unha comarca "para exercer o dereito á folga".

Desde UXT, Diego Ballesteros, membro do comité de Alcoa, lamenta que ás Administracións "non lles importa nada do que reclame a sociedade". Aínda así, fai un chamamento á poboación para que, "dentro das súas posibilidades e limitacións", secunden a folga. Tamén pide "o máximo apoio" para que a manifestación de Burela "sexa o máis multitudinaria posíbel".

Como explica a este xornal, con elas "preténdese unha solución para o conflito que vive a comarca en xeral, non só o conflito das grandes industrias como Alcoa e Vestas, aínda que sexan un motor económico importante". Incide tamén no desmantelamento dos servizos e a falta de infraestruturas. "Non é que non traian máis, é que están levando o pouco que temos", denuncia. 

Fartos dos 'caramelos' das Administracións

Para o que tamén van servir os actos programados no día de hoxe é para mandar unha mensaxe á Xunta e ao Goberno estatal para que deixen os "paripés" e de lanzar "caramelos" con xuntanzas "nas que o resultado segue a ser o mesmo: ningún".

Refírense ao encontro que a pasada segunda feira mantiveron en Madrid o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, coa ministra de Industria, Reyes Maroto.   

"Xa o fixeran tamén na véspera da manifestación do 17 de outubro co anuncio do interese de Altri para montar unha planta de celulosa en Cervo que xeraría un milleiro de empregos na comarca", lembra Nóvoa, "pero desde entón non se volveu saber nada máis". 

Como afirma Caldeiro, "xa estamos afeitos a que cando hai unha convocatoria de folga ou mobilización na Mariña aparezan este tipo de declaracións e reunións". "Agora temos a Feixoo disposto a apoiar a intervención. Agora si, agora non... e a ministra Maroto dicindo que non confía en Alcoa, algo incríbel despois de anos de mobilizacións, de sentenzas que avalan a mala fe... Que a estas alturas veña con iso é tratarnos de imbéciles", aféalle o representante da CIG.

Pola súa banda, Ballesteros, tamén considera que a desta semana "foi unha xuntanza máis que non nos achega gran cousa".

 "Hai unhas semanas recibimos a boa nova coa confirmación da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza polo Supremo, pero esa sentenza non ten validez se non se lle dá unha resposta política ao problema raíz que derivou na presentación do ERE por parte de Alcoa", asegura o sindicalista de UXT. "Mentres que non haxa nada firme e escrito que sirva para manter a actividade e a produción na fábrica, non teremos nada", abunda Ballesteros.

Hora de actuar

No que tamén coinciden os tres sindicatos convocantes é en que o tempo se está a esgotar. A Mariña leva décadas padecendo unha situación de abandono por parte das Administracións que está a afogar a actividade económica da comarca. "Se non fan nada, é a morte da Mariña", advirten. 

Neste senso, reclaman decisións "urxentes" e medidas "valentes", como a intervención, para solucionar a situación de empresas como Alcoa, da que dependen centos de familias que traballan para a principal e as auxiliares. Tamén unha saída para Vestas que garanta a continuidade da actividade industrial máis aló do 31 de decembro, data fixada pola multinacional danesa para a fin das operacións.

Xunto a iso, exixen tamén compromisos nos orzamentos para desenvolver infraestruturas pendentes desde hai décadas, como a autovía da Mariña, e sobre todo, recursos para incrementar e non recortar servizos.

Comentarios