María Loureiro: "Se aprendemos algo da Covid-19 é o fundamentais que son as cadeas de autoabastecemento próximas"

María Loureiro, catedrática de Economía na USC desde o ano 2017, ten entre os seus campos de investigación a importancia da enerxía, do medioambiente e da contorna agraria. Nós Diario fala con ela do futuro máis inmediato que traerá o escenario de postpandemia e os cambios que se agardan.  
María Loureiro, catedrática de Economía na USC (USC)
photo_camera María Loureiro, catedrática de Economía na USC (Foto: USC)

-Desde o inicio da pandemia  fálase de que haberá un antes e un despois nas estratexias económicas. A nivel galego, modificaremos as políticas?

Eu confío en que si, en que sexamos capaces de darlle unha boa saída aos fondos europeos dentro do paquete do Next Generation, mais tamén temos que recordar como se xeraron estes fondos, aínda que agora van ser aplicados para saír dunha gran crise acontecida pola Covid-19, foran pensados para unha transición verde e unha descarbonización. Sempre e cando sigamos esas pautas e que consideremos que non temos que facer intercambios entre melloras ambientais e melloras económicas, senón que o medio ambiente é necesario e para conseguir melloras económicas, teremos grandes oportunidades. A nivel internacional o grande elefante que temos na habitación é o proceso de cambio climático, de ver se somos capaces de adaptarnos, de sacar partido do impacto que vai ter.

-Cales serían as medidas económicas máis importantes, e ao mesmo tempo respectuosas co medio ambiente, que deberiamos seguir?

Todas aquelas que empurren cara a unha transición enerxética e a descarbonización, implicando un cambio nos combustíbeis a empregar. Desde cambios no automóbil e no seu uso. Sabemos que a mellor mobilidade é a sostíbel, con transporte público ou compartido. Implica tamén outros cambios básicos, como é o das infraestruturas que deberían ser máis ecosostíbeis, por exemplo na produción de bens e servizos e tamén cambios no consumo. Neste último caso debería ser máis local, máis consciente.   

-Como adaptar as enerxías renovábeis ao noso territorio creando riqueza?

A Galiza, desde logo, é unha gran produtora de electricidade. Temos que ser moi conscientes do valor económico que esta enerxía local pode xerar mais tamén do impacto ambiental que ten se non se planifica axeitadamente. Teriamos que pensar en métodos de produción e distribución tendo en conta os núcleos de poboación e que poderían estar auspiciados non necesariamente por empresas, senón por pequenas cooperativas. Pode haber un debate moi interesante sobre novas formas de produción, novas tecnoloxías e ver cales son os novos mecanismos e a nova xestión de toda esa produción, cunhas novas formas de gobernanza.

A Galiza, desde logo, é unha gran produtora de electricidade

Aínda que sabemos que hai un gran potencial enerxético, temos un país sensíbel que se abocará a grandes cambios climáticos no futuro. Hai que ser cautelosos e prudentes nas formas que escollamos as fontes enerxéticas e onde as estabelezamos.

-Vemos que os proxectos en renovábeis que hai están liderados por grandes grupos...

Os cambios normativos de autoprodución chegaron aquí bastante tarde. Noutros países non é así. Hai casos, por exemplo en California, de cooperativas de produtores locais que mesmo son veciñas e veciños que teñen as súa placas solares e venden a rede. A nivel internacional hai moitas experiencias. Aínda que as grandes multinacionais teñan vantaxes comparativas á hora da produción, tamén hai outras iniciativas máis pequenas a nivel internacional que convén estudar.

-Son correctas as liñas que se seguen por parte da Xunta contra o abandono do rural?

Hai que fornecer de servizos esas contornas, con vías de comunicación axeitadas e con internet de alta velocidade. É unha aposta cara e hai que priorizar. Temos que ser bastante sensatos e comezar por infraestruturas que poden chegar a moitos cun custo baixo. É o caso de internet e de autovías máis cativas, como fan nos países nórdicos, que a teñen e ben coidada. Alén diso, o que precisa a poboación son oportunidades. Son optimista de cara ao futuro. 

Vendo os datos, as temperaturas no resto do Estado español, co cambio climático, haberá unha transferencia de poboación do sur ao norte moi significativa e iso é un potencial fundamental para o noso territorio. Desenvolvelo ben e de maneira coidada será esencial. No rural hai que xerar novas oportunidades para a poboación nova, como é o mercado de traballo. Ás veces véndesenos como idílico o teletraballo mais para que exista ten que haber unha infraestrutura de comunicación básica.

-Que futuro lle agarda ás explotacións agrogandeiras?

Se aprendemos algo da Covid-19 é o fundamental que son as cadeas de autoabastecemento próximas. É a gran vantaxe que ten a Galiza con respecto a outros territorios. Habería que apoialos ao máximo. Garántenos a nosa supervivencia desde o punto de vista máis básico e máis esencial. Pensamos neles sen un valor engadido, mais co cambio climático, serán un sector fundamental para a nosa economía e supervivencia.

Comentarios