Marcos Cadórniga, sindicalista condenado a prisión: ''Se molestamos é que algo estamos a facer moi ben''

A folga de fame simbólica iniciada por afiliad@s da CIG chega ao seu terceiro día. Esta segunda feira unirase CCOO. Ambas as dúas centrais protestan pola sentenza que decreta tres anos de cárcere para tres sindicalistas por participaren nun piquete informativo na folga do comercio de alimentación de novembro de 2009. Considéranse obxecto dun "xuízo político" e rexeitan unha resolución que responde a unha tentativa "de criminalizar a loita obreira"
photo_camera Carlos Búa, Marcos Cadórniga, Carlos Alján e Suso Seixo [Imaxe: CIG]


Novembro de 2009, folga no comercio de alimentación. Marcos Cardóniga, Carlos Alján e Carlos Búa, sindicalistas da CIG e CCOO, fan parte dun piquete e entran nun Gadis para informar as traballadoras. Case tres anos despois, sentaron no banco d@s acusad@s para se enfrontaren a unha petición de penas de cárcere polos danos que se rexistraron á porta da empresa. Como os cargos non se sostiñan, xa na fase de instrución o ministerio público colocou as coaccións no albo da cuestión.

O fiscal presentou tres testemuñas: tres empregadas do supermercado. As tres negaron ter sido coaccionadas

O fiscal presentou tres testemuñas: tres empregadas do supermercado. As tres negaron ter sido coaccionadas "e unha delas sinalou mesmo que o que fixemos foi xusto o contrario, calmar os ánimos, tranquilizar", explica Carlos Alján. Declararon que foran obrigadas pola empresa a volveren ao seu posto baixo ameazas, e coa quenda diaria xa rematada. Porén, a resolución ditada a comezos de xullo condena a tres anos de cárcere os sindicalistas.

A sentenza foi recorrida. As tres traballadoras de Gadis repetiron na segunda vista xudicial que non foran coaccionadas. A fiscalía insistíu: os sindicalistas priváronas "do seu dereito a traballar". De perderen o recurso, terán que entrar na cadea. Carlos Alján e Marcos Cadórniga téñeno claro: "foi un xuízo político". Un leva 10 anos no sindicalismo activo, o outro 5. De seren absoltos daríanse igual por sentenciados. "Sentar no banco dos acusados, saír na portada dos xornais onde o xuízo tivo máis repercusión que a propia folga... xa é unha condena".

As medidas adoptadas polo PP en Madrid e aplaudidas polo mesmo PP na Galiza atacan medularmente a clase traballadora. É a crónica dunha revolta anunciada. Con todo, anunciada estaba tamén cal sería a resposta: a modificación do Código penal para amordazar a protesta social e limitar o exercicio de folga para criminalizar, máis aínda, o sindicalismo combativo. Reducido ficará tamén o papel dos piquetes informativos, que cumpren cun dereito recoñecido até na Constitución española.

Carlos Alján: "Sentar no banco dos acusados, saír na portada dos xornais onde o xuízo tivo máis repercusión que a propia folga... xa é unha condena"

Contra esta represión e criminalización da loita obreira afiliad@s da CIG iniciaron na pasada sexta unha folga de fame simbólica. Executarase por quendas de dous días cada unha, e culminará o 15 de decembro nunha manifestación nacional en Pontevedra. A partir desta segunda feira unirase tamén CCOO, e outras centrais sindicais como UGT está a estudar se se une á acción reivindicativa. Na caravana instalada ás portas da Audiencia provincial, na cidade do Lérez, estiveron sen comer primeiro o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, e un dos condenados, Marcos Cadórniga, liberado de CIG-Servizos.

Este domingo tocou relevo. Até as 12 do mediodía da terza feira os que ficarán sen inxeriren alimento serán o responsábel do sindicato en Pontevedra, Rafael Iglesias, e o outro condenado afiliado á central nacionalista, Carlos Alján, delegado sindical na empresa de alimentación Froiz. As mostras de apoio e solidariedade cos folguistas foron moitas, e chegaron dos movementos sociais e do eido da política, coa visita o sábado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. O rexedor manifestou o seu rexeitamento fronte a unha sentenza que cualificou de "absolutamente desproporcionada" e que achacou a unha tentativa de "cercenar o movemento sindical".

Suso Seixo: "Intentóusenos convencer de que o capitalismo era o mellor sistema económico e social posíbel e de que aquí non existen clases sociais nin loita de clases"

"Alí non sucedeu nada diferente do que sucede en calquera piquete ou en calquera centro de traballo", recalcou Suso Seixo en conferencia de prensa antes de iniciar a folga de fame e co apoio de CCOO e UGT, presentes na mesa. Falou de represión, de dar un escarmento ao sindicalismo combativo, de criminalización do movemento obreiro.

"Intentóusenos convencer de que o capitalismo era o mellor sistema económico e social posíbel e de que aquí non existen clases sociais nin loita de clases, polo que os sindicatos pasamos a ser algo obsoleto e que non ten razón de existir", denunciou Seixo, revolvéndose contra "o intento do poder de desmantelar o movemento sindical" e a oposición das organizacións sociais.

Os recortes aos dereitos laborais e sociais impóñense ao tempo que se tece a arañeira dun estado policial que ten por obxectivo desactivar a resposta cidadá. "O ataque directo está a sufrilo a clase traballadora", recalca Marcos Cadórniga. Fronte a isto, sinala que "a represión sindical o único que fai é reafirmarnos, confirmar que estamos no bo camiño; se molestamos é que algo estamos a facer moi ben".

Comentarios