Mar Carrillo, hostaleira: "Cos aloxamentos en cabanas creamos, sen querelo, un sinal de identidade dentro da Galiza"

A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo estreou, coa distinción a nove estabelecementos, unha marca de calidade para aloxamentos da zona. Trátase dunha iniciativa que busca impulsar o ecoturismo dando protagonismo sustentábel ás empresas locais. Entre as súas características principais contan co uso de materias primas do territorio, unha xestión ambiental adecuada e unha mellora continuada ou un catálogo de instalacións e servizos. Mar Carrillo é a xerente dun deles, as Cabanas de Canide en Oleiros.
Mar Carrillo diante das Cabanas que se recoñeceron co selo de calidade da Reserva da Biosfera (Nós Diario)
photo_camera Mar Carrillo diante das Cabanas que se recoñeceron co selo de calidade da Reserva da Biosfera (Foto: Nós Diario)

Como naceron estas cabanas situadas en Oleiros?

O meu home é de Mera (Oleiros) e sempre nos gustou esta zona para montar algún día un negocio, mais non viñamos do mundo da hostalaría. El é empresario e eu traballei durante 15 anos por conta allea, mais non tiña ningunha relación con este mundo. Coincidiunos cun cambio de vida que tivemos hai seis anos e no que decidimos vir a este lugar. A idea tomou corpo hai dous anos e medio, cando comezamos a funcionar, e o proxecto xa levaba con nós catro anos.

Sempre tivemos a ilusión de contar cun negocio destas características. Quixemos afastarnos do concepto de hotel tradicional e montar algo distinto, que creo que a xente demanda máis. Son casiñas independentes onde cada visitante ten a súa intimidade. Se cadra contamos con menos servizos que nun hotel normal, mais con exclusividade. O estilo nórdico das cabanas xurdiu dalgunhas viaxes que fixemos. Pareceunos que sería máis cálido de cara ao inverno.

Que motivos influíron para conseguir esta marca de calidade?

Sempre tivemos claro que estabamos situados nunha zona residencial protexida como é a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo polo que estudamos desde un principio a realización dun proxecto que non tivese un grande impacto no territorio e que sempre respectase a tranquilidade da veciñanza.

Por este motivo fixemos todas as nosas construcións en madeira, cos seus certificados de sustentabilidade correspondentes á implementación de boas prácticas medio ambientais, como dispositivos de auga en todas as Cabanas, uso de lámpadas LED nas instalacións, separación de residuos e calefacción mediante aerotermia.

Non é o único proxecto hostaleiro que emprega cabanas na Galiza. Cal é a razón do seu auxe? 

Non sabería dicir. Creo que dunha forma consciente ou inconsciente creouse na Galiza un concepto semellante de aloxamentos, aínda que cada un coa súa particularidade. Coinciden en que son unidades independentes en madeira, algunhas situadas nas árbores e outras na terra. No noso caso tiramos cara ao estilo máis nórdico. Sen querelo, supoño que a través dunha inercia, creamos un sinal de identidade dentro da Galiza que me parece interesante. Coido que está ben e calquera que nos visita relaciónanos con ese tipo de estabelecementos. Mesmo é posíbel facer unha ruta por toda a Galiza aloxándose neles.

Pensa que este modelo sairá reforzado unha vez remate a actual pandemia que temos a causa da Covid-19?

Estamos nunha situación moito máis favorábel que outro tipo de complexos, onde hai moitos servizos con zonas comúns. Con esta situación todo o mundo tenta evitar as masificacións de xente. Os aloxamentos máis pequenos, onde hai zonas exclusivas, estamos nunha posición de vantaxe dentro do sector. Malia ter fechamentos perimetrais e, polo tanto, menos público, a xente que se move busca máis este concepto de turismo. 

En realidade, non sei como será no futuro inmediato. É certo, iso si, que cada tipo de estabelecemento ten o seu propio público e haberá quen busque os hoteis por ter, por exemplo, unha recepción as 24 horas ou contar cun restaurante, mais outras persoas buscarán algo máis pequeno. En todo caso, creo que o están a pasar moito peor os grandes hoteis que os estabelecementos máis pequenos precisamente por estas mesmas características.

Comentarios