Pide que a entidade fique "en mans do Estado"

Manuel Lago (En Marea) propón a "nacionalización" do Banco Popular-Pastor

Na Galiza estarían en xogo por volta de 1.200 postos de traballo, afirma o parlamentar de En Marea, quen compareceu en conferencia de imprensa esta segunda feira na compaña da tamén deputada da confluencia e secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carmen Santos.

Carmen Santos. Manuel Lago. En Marea. 5 de xuño de 2017
photo_camera Carmen Santos e Manuel Lago

A venda do Banco Popular, entidade en que fica subsumido após a súa absorción o Banco Pastor, atinxe o sistema financeiro galego, sendo que estamos a falar da "segunda entidade bancaria do país, con 250 anos de historia", denunciou Lago.

A súa enaxenación só serviría, en opinión de Lago, "para agravar a situación de oligopolio de concentración bancaria que levamos sufrindo na Galiza sobre todo nos últimos anos". Nese sentido, engadiu que "a compra por parte dun dos grandes bancos do Estado suporía, entre outras cuestións, a duplicidade de oficinas, o que traería como consecuencia o despedimento de centos e centos de traballadoras e traballadores".

O oligopolio resultante da venda do BP produciría unha situación "inadmisíbel" a ollos de Lago, pois que "90 por cento do mercado bancario ficaría nas mans de cinco entidades".

Só hai unha solución para evitar que a venda sexa ruinosa para o país, resulte na destrución de centos de posto de traballo e na perda de oficinas na Galiza vilega e rural. "Esta entidade ten que ser directamente nacionalizada e ficar en mans do Estado, asumindo os accionistas as perdas do que ten acontecido".

Lago e Santos criticaron Feijóo pola súa inacción perante o hipotético desmantelamento deste banco na Galiza.

Comentarios