Manuel Fernández Grela, Economista: "A recuperación do público nesta crise económica é unha necesidade"

Manuel Fernández Grela, Economista (Nós Diario)
photo_camera Manuel Fernández Grela, Economista (Nós Diario)

A pandemia mundial trouxo consigo unha crise económica que afecta todos os sectores, mais de maneira desigual. A estratexia que deben seguir as Administracións para superar esta situación dependerá, en boa medida, do seu nivel de endebedamento e das decisións políticas que se tomen. 

Cre que a actual emerxencia sanitaria mudou de vez o panorama económico galego, estatal e europeo?
Por suposto. Mudouno por completo. É dunha magnitude semellante á que desencadearon outras crises na historia da economía. Podemos poñelo á altura da caída de Lehman Brothers en 2007 ou á caída da bolsa de New York en 1929. 

En que momento económico colle a crise a Galiza?
Comezabamos a recuperar niveis de actividade económica da crise anterior. É un momento moi pouco oportuno para unha crise nova. Na anterior viñamos dunha etapa longa de crecemento que daba unha certa marxe de seguridade. Non tiñamos unha gran porcentaxe da poboación en risco de pobreza como a que temos hoxe.

Por outra banda o feito de ter unha crise recente pode darnos en pensar que a resposta agora será mellor que na anterior. Os responsábeis de tomar as decisións políticas agora xa non se sorprenden da magnitude do que acontece como na anterior crise. Son conscientes do potencial destrutivo desta situación e veñen dunha experiencia recente. Agardemos que aprendesen algo.  

Que liñas estratéxicas a nivel económico deberían seguirse?
Esta crise ten un diferenza moi importante a respecto das crises anteriores: o seu impacto é máis desigual. A maior parte das crises tiña a súa orixe nos mercados financeiros ou no prezo das materias primas. Esta é desigual por sectores e por tramos da poboación. As liñas estratéxicas terán que ser específicas e sectorizadas, dirixidas a colectivos particulares da poboación máis que ao conxunto. 

Algúns países europeos optan polo proteccionismo. É unha saída?
A nivel de Europa é de esperar que a resposta sexa minimamente coordinada. Doutra maneira poríase en perigo a construción de todo o sistema europeo. Estamos vivindo o primeiro ano da era pos Brexit e os ollos de boa parte da poboación dos países membros están postos nesa coordinación. O nivel de exixencia da cidadanía vai ser moito máis elevado que nas anteriores. A natureza deste crise lévanos cara a respostas proteccionistas. A nivel sanitario, a opción foi fechar fronteiras e o impacto xeográfico localizado da pandemia, a medida que se expande, tamén xera que as cadeas de valor globais nas que está baseado o funcionamento da economía actual se vexan afectadas. 

O primeiro foco foi na China, o punto de orixe de máis da metade das cadeas de valor globais mundiais. Non sería estraño que no desenvolvemento da pandemia o seu impacto en determinados países afecte determinadas cadeas de valor e unha boa parte das grandes empresas que se manexan así pensen en traballar con cadeas de subministracións moito máis localizadas. Sería unha tendencia adicional a reducir o nivel de globalización ao que estamos afeitos. 

A resposta económica por parte da Unión Europea (UE) é moi importante. Se a propia institución non serve para poder dar respostas coordinadas a este tipo de crises, a cidadanía preguntarase cal é a súa utilidade. Obviamente, a UE vai máis alá do económico, mais a institución está presa do tipo de marketing que vendeu nos últimos anos como elemento importante da construción europea. Chegou o momento de pór feitos tras esa estratexia de marketing. 

Como se pode recuperar a economía galega?
Galiza non se atopa no punto de partida na mellor das situacións. Falar de que ten moito potencial económico é un eufemismo para dicir que non somos un dos países máis desenvolvidos da nosa contorna. Temos problemas estruturais moi importantes. A única maneira de solucionar esta situación é a través da actuación da política pública, que terá que atender a moitas frontes abertas. Veremos que tipo de aumento orzamentario terá o Estado español e a Xunta da Galiza para atacar esta cuestión con urxencia.

Deberían determinadas empresas volver ser públicas?
A recuperación do público nesta crise económica é unha necesidade. Que sexa esta unha saída á crise dependerá da resposta coordinada que faga a UE, que é de onde procede a gran parte do financiamento que move o noso sector público. Tamén as súas decisións políticas son as que determinan cal é a capacidade de endebedamento que as nosas Administracións públicas poderán emprender. Nunha situación deste tipo vai necesitar dun apoio moi importante do sector público e vai xerar unhas necesidades de endebedamento moi importantes. 

Comentarios