luns 26/07/21

O mantemento das bonificacións ao diésel deixa Galiza sen 190 millóns en recadación

A presión de Ciudadanos e PNV logrou que o Goberno de Pedro Sánchez retirase da lei esta medida, que na Galiza permitiría aumentar os fondos. 
Unha persoa repostando nunha estación de servizo. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
Unha persoa repostando nunha estación de servizo. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

Os Orzamentos Xerais do Estado español non contemplarán finalmente a equiparación do imposto do diésel ao da gasolina. A presión de Ciudadanos e PNV logrou que o Goberno de Pedro Sánchez retirase da lei esta medida, que na Galiza permitiría aumentar a recadación 190 millóns de euros ao ano. 

Iso sería no caso de salvar a diferenza total de dez céntimos existente na actualidade entre o tipo estatal de diésel e gasolina, mais os orzamentos só contemplaban recortala en algo máis de tres céntimos, ao pasar o gravame no diésel de 30,7 céntimos a 34,5 céntimos, fronte aos 40,7 que leva agora a gasolina.

Segundo os cálculos de Xavier Labandeira, catedrático de Economía da Universidade de Vigo, a recadación extra no caso de elevar o tipo estatal do diésel a 40,7 céntimos chegaría aos 3.000 millóns ao ano, dos que a Galiza, segundo os últimos datos de consumo da Corporación de Reservas Enerxéticas de Produtos Petrolíferos (Cores), corresponderíalle 6,34%, algo máis de 190 millóns de euros. 

Para Labandeira, a supresión desta medida dos orzamentos é unha noticia "moi mala", e máis tendo en conta a fiscalidade "totalmente anómala" en relación ao resto da Unión Europea. 

Mais non é só pola cuestión fiscal, xa que, como lembra a Nós Diario, o diésel ten efectos moi negativos a respecto das emisións de gases de efecto invernadoiro e tamén na saúde. Segundo apunta, a contaminación asociada ao transporte xera custos de mil euros por habitante e ano en saúde humana en termos de mortalidade e morbilidade nas principais cidades galegas. Isto débese en gran medida ao envellecemento dun parque móbil galego en que os vehículos diésel, segundo as últimas estatísticas da Dirección Xeral de Tráfico, representan 76,23% do total.

Mais o diésel non se limita só a turismos. Tamén se emprega en vehículos pesados, maquinaria agrícola, barcos, trens e mesmo na calefacción dos edificios.

Medidas compensatorias

Tanto PNV como Ciudadanos empregaron como argumento para conseguir a supresión da medida a suposta regresividade (pagan máis proporcionalmente as familias que menos recursos teñen), mais, como explica Labandeira, realmente afectaría en maior medida ás clases altas, que son as que teñen os coches máis potentes, contan con máis vehículos por unidade familiar e fan máis desprazamentos. 

Con todo, recoñece que na Galiza tamén prexudicaría as persoas que viven no rural, e precisan do vehículo para o seu día a día. Neste senso, cre que podería destinarse parte da recadación extraordinaria a "compensacións" para a xente con menor nivel de renda e a medidas encamiñadas para que as persoas que máis o precisan poidan cambiar o seu vehículo por outro moito menos contaminante.

Pero para iso habería que mudar antes as actuais políticas de cambio de flota, que considera "regresivas", xa que en lugar de estaren limitadas aos colectivos que máis as precisan, "van para persoas que apostan por cambiar o seu coche por un híbrido o un eléctrico que mercarían tamén sen ter esas axudas, o que na práctica tampouco deixa moitos beneficios ambientais".

Adaptación ao cambio

Para o catedrático de Economía da Universidade de Vigo, defender sectores que teñen pouco futuro "parece pouco sensato". "Hai que adaptarse ao cambio que requiren sociedades descarbonizadas". Non aprobar esta suba impositiva agora provocará que "cando se teña que facer, o axuste será máis doloso, non só de tres céntimos", advirte, e máis cando o Estado español "non tocou impostos aos carburantes en décadas". "O único que está a facer é retrasar un problema", lamentou. 

comentarios