Manchas de fuel provocan o feche de polígonos de bateas na Pobra

As primeiras manchas apareceron a pasada terza feira na costa da Illa de Arousa.
Voluntarios e axentes rurais recollendo o fuel vertido na ría de Arousa esta semana. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
photo_camera Voluntarios e axentes rurais recollendo o fuel vertido na ría de Arousa esta semana. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

Novas manchas de contaminación mariña apareceron onte nas inmediacións do porto e dos polígonos de bateas da Pobra do Caramiñal. Diante desta situación, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) estabeleceu o feche cautelar dos polígonos de bateas da Pobra A, a Pobra B e a Pobra C.

Segundo informou a Xunta, Salvamento Marítimo solicitou mobilizar medios gardacostas pola aparición desas manchas de fuel nas inmediacións do porto e dos polígonos de bateas do municipio.

Por este motivo, manteñen e amplían a nivel 1, incorporando os helicópteros Pesca I e Helimer, ao Plan estatal de salvamento contra a contaminación, que se iniciou en días pasados por mor do fuel que verteu, en principio, un buque agora retido en Vigo.

As primeiras manchas apareceron a pasada terza feira na costa da Illa de Arousa. Até a zona desprazáronse nese momento o helicóptero Pesca I, o buque Sebastián de Ocampo e a patrulleira Punta Roncadoira. Adicionalmente, mobilizáronse outros medios de Salvamento Marítimo, organismo coordinador do operativo.

Segue a vixilancia

Desta forma, continúa operativa a vixilancia para facer un seguimento aéreo e marítimo coa idea de determinar o alcance deste episodio e esclarecer o sucedido despois de que o día 13 aparecesen en varias praias da Illa de Arousa unhas galletas de chapapote.

O buque retido pola Capitanía Marítima de Vigo, por outra parte, ten aberto un expediente sancionador polo ocorrido. Para poder abandonar o porto vigués, a armadora terá que depositar 230.000 euros para facer fronte aos posíbeis custos da limpeza da contaminación e á virtual multa á que pode conducir a investigación.

Comentarios