Máis unha volta de porca ás preferentes

O goberno español decidirá a vindeira sexta no Consello de ministr@s, a súa posición a respecto da fraude das preferentes e o trato que recibirán as persoas afectadas. O BNG exixe que se devolva a contía íntegra do diñeiro estafado a máis de 43.000 persoas na Galiza.
Manifestación de afectad@s polas preferentes
photo_camera Manifestación de afectad@s polas preferentes

O ministro de Economía, Luis De Guindos, anunciaba nunha entrevista concedida a unha axencia de noticias española, que o goberno de Mariano Rajoy aprobará no vindeiro Consello de ministr@s – 24 de agosto--, un real decreto-lei polo que regulará parte do funcionamento das entidades financeiras. Segundo De Guindos, estabelecerase un mínimo de 100.000 euros na compra de produtos financeiros como as preferentes pois, “limitará as posibilidades de comercialización”, asegurou. Así mesmo, afirmou que os bancos deberán crear unha listaxe de produtos financeiros onde poderen detectar aqueles que “pola súa natureza, non fosen os máis acaídos para o aforrador normal”.
Segundo Bieito Lobeira, deputado parlamentar do BNG, o goberno español rexerá as súas decisións de acordo co que determine a UE nas condicións dun posíbel segundo rescate pois “así o fixo co memorando asinado, onde consideraba os afectados como investidores”, o que condiciona a solución da fraude.

O Partido Popular e as preferentes
Na súa intervención o ministro de Economía obviaba a responsabilidade do seu partido na venda deste tipo de produtos financeiros para @s pequen@s aforrador@s. A lei 19/2003 pola que se autorizaba a súa venda entre as persoas aforradoras e pequenas investidoras, foi asinada polo daquela presidente do goberno español, José María Aznar, após pactar co PSOE e CiU. Así mesmo, o Banco de España –ao que agora o executivo de Mariano Rajoy pretende aumentar as competencias de supervisión--, autorizaba as emisións destes produtos entre as entidades financeiras para financiaren a burbulla inmobiliaria.
Do mesmo xeito, o Partido Popular de Galiza e o PSdeG-PSOE, reformaron nesta lexislatura a Lei de Caixas para posibilitaren o mantemento dos directivos das caixas despois da fusión, “permitindo que os estafadores ficasen na dirección”, di Lobeira.
Para o deputado nacionalista, a comisión de investigación sobre as caixas, que se abra no Parlamento da Galiza, “non servirá para depurar as responsabilidades políticas” existentes na fraude das preferentes polo cal o PP está a seguir unha estratexia de adiamento na creación da comisión; “a súa aprobación é unha manobra estética”, asevera Lobeira, pois di, “este é un roubo dos ladrón de hoxe que teñen todo o amparo da legalidade mentres os afectados están indefensos”.

A solución para @s afectad@s pola fraude
As entidades financeiras que como no caso de Novagalicia Banco, foron intervidas con fondos públicos, non poden optar polo cambio con outros produtos ou bonos semellantes –opción á que si se acollen a maior parte dos bancos españois--. No caso das persoas afectadas na Galiza –máis de 43.000--, a Xunta, a Unión Europea e o goberno do Estado español apostan pola arbitraxe e a quita como “solución” á estafa. Malia que numerosos xornais e medios de comunicación, así como a propia entidade, presentan esta posibilidade como a máis satisfactoria, o certo é que non o é pois non garante a restitución total do valor investido. Neste sentido, @s persoas afectadas pola fraude das preferentes que se manifestaron a pasada fin de semana, amosaron o seu rexeitamento a esta proposta berrando “arbitraxe, ultraxe!”.

O BNG defende a devolución integra do diñeiro roubado. Segundo Lobeira, “defendemos que se empreguen todas as armas xurídicas para a devolución íntegra do diñeiro”. Así mesmo, asegura que a Xunta de Galiza, está a semover entre as plataformas de afectad@s para que se acollan á arbitraxe e “decapitar este movemento social”, tan prexudicial para o goberno do PP.

Comentarios