Máis unha vaga de mobilizacións contra os recortes

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convoca para esta sexta concentracións nas comarcas do país en rexeitamento dos orzamentos presentados polo executivo español.

Após seren presentados os Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano 2013, xunto co paquete de reformas que o goberno español implementará o próximo semestre, a CIG convoca concentracións nas sete comarcas galegas como mostra de rexeitamento ao anteproxecto de lei achegado esta quinta polo executivo liderado por Mariano Rajoy.

Os recortes e a política de falsa austeridade promovida máis unha vez polo goberno español suporán, segundo a central sindical, "un novo retallamento no gasto e investimento público, afectando aos servizos e prestacións e, polo tanto, afondando no recorte de dereitos e deterioro das condicións laborais e de vida da maioría social". Aliás, o programa de reformas que acompañará os novos orzamentos implicará, entre outras medidas, "a liberalización” de sectores públicos e a privatización de empresas como Renfe", aseveran desde o sindicato nacionalista.

Horarios e emprazamento das concentracións:

  • A Coruña: ás 12:00 horas diante da Delegación do Goberno.
  • Vigo: ás 11.00 horas na farola de Urzáiz.
  • Ourense: ás 11.00 horas na Subdelegación do Goberno.
  • Compostela: ás 12:00 horas na Praza da Paz (diante da Xunta).
  • Ferrol: ás 12:00 horas diante do Concello.
  • Lugo: ás 12:00 horas, diante do edificio multiusos da Xunta.

Comentarios