Máis recortes e reformas para o 2013

O goberno de Mariano Rajoy presenta o anteproxecto de lei que contén os orzamentos xerais do estado para o vindeiro ano. O pagamento da débeda e máis unha vaga de recortes serán o leitmotiv do executivo no ano 2013.
Consello Ministros Guindos, Montoro, Soraya
photo_camera Montoro, De Guindos e Santamaría presentan os oramentos para 2013

Após aprobar no pasado exercicio os orzamentos máis "austeros" dos últimos trinta anos, o goberno español presenta uns orzamentos en que o pagamento da débeda e a redución do déficit público suporán o mesmo investimento que todos os ministerios xuntos. O grao de "desconfianza" dos mercados financeiros sobre a economía española marca o custo que o executivo de Mariano Rajoy deberá pagar polo seu endebedamento. O aumento dos intereses que gravan a débeda suporá case un punto do PIB --máis de 9.000 millóns de euros-- e condiciona o anteproxecto de lei achegado polo goberno español. A redución do investimento público en agricultura, industria e ensino dirixirase --xunto cos recortes nas demais carteiras ministeriais-- a financiar o custo da débeda acumulada ao longo do anterior exercicio.

O aumento dos intereses que gravan a débeda suporá máis de 9.000 millóns de euros

O plan de axuste proposto polo goberno español --aproximadamente 13.400 millóns de euros-- cuxo obxectivo é cumprir cos obxectivos de déficit marcados pola UE, copan a segunda maior partida orzamentaria --despois das pensións--. Os novos presupostos presentados a pasada quinta amosan máis unha redución no gasto de persoal a través da conxelación --por terceiro ano consecutivo-- do salario d@s empregad@s públic@s, a redución do número de días libres do persoal da función pública, asemade paralizarase --como xa acontecera en 2012-- a oferta de emprego público.

O goberno conxela por terceiro ano os soldos d@s empregad@s públic@s

No entanto, perante as eleccións en Galiza e Euskadi, o goberno español mantén a incertidume sobre as pensións --que aumentarán un 1% no ano 2013-- facendo uso por vez primeira do fondo de reservas. Porén, o ministro de Facenda evitou aclarar se estas se actualizarán ou non coa inflación. O incremento no gasto das pensións --case un 5% máis que o ano anterior-- fai caer máis unha das promesas do goberno que se comprometera a reducir nun punto as cotizacións sociais do empresariado e que fora anunciado o pasado mes de xullo.

Asemade, o goberno español reduce as subvencións aos sindicatos e partidos políticos --un 20% e un 42% respectivamente--.

Máis un paquete de reformas
Alén da redución orzamentaria, os obxectivos económicos do executivo español, cumpriranse a través dun outro paquete de reformas encamiñadas a cumprir cos ditames chegados desde Bruxelas. Maior competitividade económica a través do desenvolvemento de procesos liberalizadores, a xeración dun mercado "homoxéneo" dentro do territorio español e o control do déficit público serán os obxectivos do novo plan presentado polo ministro de Economía, Luís de Guindos, a pasada quinta.

O plan de reformas pretende cumprir cos mandatos de Bruxelas

O novo programa para o segundo sementre de 2012, concretarase na aprobación de 43 normas --con rango de lei-- e incluirá a liberalización do sector eléctrico e das telecomunicacións e a aprobación dunha outra lei de Garantía da unidade do mercado de bens e servizos que permita, segundo afirmou o ministro, a libre circulación de mercadorías e servizos en todo territorio español. Neste sentido, ningún dos territorios poderá impedir a comercialización dun produto a través do estabelecemento ou fixación duns criterios propios.

O goberno de Mariano Rajoy aplicará novas medidas cuxo obxectivo será desenvolver a reforma laboral e creará unha "autoridade fiscal independente" encamiñada a controlar as contas públicas. Luis de Guindos, anunciou que o executivo español exercerá unha maior vixilancia sobre os gobernos autonómicos e fiscalizará os seus orzamentos á fin de que estes cumpran co teito de gasto e os obxectivos de défice marcados.

O goberno de Mariano Rajoy aplicará novas medidas para desenvolver a reforma laboral

Así mesmo, como xa se anunciara ao comezo da lexislatura, o goberno liderado por Mariano Rajoy, aprobará unha lei coa que reducirá o número de concelleir@s nas administracións locais e o soldo das alcaldías, en aras, aseguraron representantes do goberno, dun maior aforro.

Ú-lo rescate?
Os representantes do executivo español en conferencia de prensa após rematar o Consello de Ministr@s, rexeitaron falar con clareza a respecto da inminente chegada do rescate, así como das condicións deste que virían impostas polas autoridades europeas.

No entanto, o goberno anunciou xa a posta en marcha dos fondos aos cales poderán dirixirse ás comunidades autónomas que finalmente solicitaron o rescate. A Andalucía, Murcia, Valencia e Cataluyna --que xa anunciaran a súa falta de liquidez-- sumábase a pasada quinta Castela A Mancha. O goberno liderado pola "popular" María Dolores de Cospedal, Secretaria xeral do Partido Popular, solicitaba unha axuda de 848 millóns de euros e mudaba o seu parecer a respecto das economías rescatadas --que tanto criticara no caso de gobernos como o catalán-- asegurando que "non pasa nada por pedir axuda cando se trata de pagar".

A presidenta manchega atopou máis unha baza para xustificar as súas pretensións políticas que a levaron a reducir o número de deputad@s e que agora a encamiñan cara ao desenvolvemento de novas "eformas estruturais", concluíu. 

Con esta última petición, ao Fondo de Liquidez Autonómico fícanlle só 2000 millóns de euros dos 18.000 millóns iniciais.

Comentarios