Centos de tractores seguen a rodear a Muralla de Lugo na defensa do sector lácteo

Esta sexta a cidade acordou con medio milleiro de tractores a manter a mobilización a pé da Muralla. "Se os gandeiros caen, os demáis que se preparen". Exixen a presencia da conselleira para que "dea a cara".

Muralla tractor

Seguen os tractores a rodear a Muralla de Lugo o día despois de que máis de 1.500 destes vehículos circulasen pola cidade en defensa dun prezo xusto para o leite. Por volta duns cincocentos tractores seguen a pé de Muralla. Decidiron en asemblea na noite da quinta feira que Lugo amencería cos tractores nas rúas e cumpriron. Nunha nova asemblea, xa esta sexta feira pola mañá, acordaron que manterían a mobilización até última hora da mañá, ealí permaneceron, desafiando sono e cansanzo.

E de novo nunha asemblea, acordaron que manterían os tractores até as 16:30, en que volverán realizar asemblea. Hai gandeiros partidarios de non marchar de Lugo até que a conselleira de Medio Rural se presente alí para dar explicacións sobre que pensa facer na crise do leite. Ducias de produtores pasaron a noite durmindo nos seus vehículos mais o cansanzo non pode ser desculpa, din, cando son conscientes de que están dando unha batalla chave para o futuro do sector e do rural galego.

"Vese moita unión porque a xente, se non sae agora co que está a acontecer, non sei cando vai sair", sinalaba na noite de onte un dos gandeiros que se manteñen na tractorada de Lugo. 

Máis de 1.500 na tractorada da mañá

A Muralla de Lugo rodeada de centos e centros de tractores, máis de mil cincocentos segundo a Plataforma galega en defensa do sector lácteo, nunha nova mobilización do rural galego para reclamar prezos xustos para o leite e o fin do inmobilismo e desleixo das administracións perante unha crise que ameaza con afogar milleiros de explotacións en Galiza.

A organización cifra en 1.500 os tractores que se mobilizaron e en 5.000 as persoas que secundaron a manifestación

A afluencia de tractores desde diferentes comarcas provocou atascos e retencións nos accesos á cidade, principalmente na N-634 (Ribadeo-Lugo) e na estrada de A Fonsagrada. Tractores perto do Anxo Carro, tractores marchando polo Ceao, tractores circulando polas principais arterias da urbe... máis de mil destes vehículos foron avanzando atá 'cercar' a Muralla de Lugo, no que xa é unha imaxe propia das grandes mobilizacións do agro galego. En paralelo, centos de veciños mobilizábanse en apoio ás demandas deste sector e o comercio local botaba o fecho durante dúas horas en solidariedade coa loita das e dos gandeiros.

tractores campo galegoReverter o que é inxusto

Cobrar entre 20 e 27 céntimos por un litro de leite cuxo custo de rendabilidade o propio Ministerio español recoñece que en Galiza está nos 36 céntimos é a espoleta que move as mobilizacións que se están a desenvolver desde finais de xullo e que terán un novo capítulo en Compostela a vindeira semana. A organización prevé reunir 5.000 tractores durante 3 días na capital galega. En Galiza estanse a pagar os prezos máis baixos de toda Europa é unha das frases recorrentes nestas semanas entre os produtores. Outra, a de demandar que se dean pasos como en Francia, onde o goberno foi quen de garantir un acordo que fixa prezos mínimos para o leite.

“Un país en xogo”

Na mobilización desta quinta feira en Lugo estiveron presentes alcaldes, representantes de organizacións agrarias (FRUGA, SLG, UUAA...) e de forzas políticas como o BNG, AGE ou PsdeG. “É un país o que está en xogo”, recoñecían produtores da Terra Chá, comarca que hai apenas dúas semanas acolleu tamén unha gran mobilización en Vilalba. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, instou Feijóo "a que se poña as pilas, que se poña a fronte da defensa do sector leiteiro galego, que esixa ao Goberno central un cambio lexislativo na regulación dos mercados para que o sector lacteo galego teña prezos xustos.”

Unha mobilización a pé, acompañou a mobilización dos tractores, rematou no edififio multiusos da Xunta de Galiza, onde o xornalista Paco Nieto foi o encargado de dar lectura ao manifesto reivindicativo. A seguinte parada da vaga de mobilizacións do sector lácteo é Compostela.

Calendario de mobilizacións en Compostela

- 7 de setembro:

11 horas: Chegada de tractores a Salgueiriños.

12 horas.: Percorrido cos tractores por San Caetano, Avda. Castelao, Vista Alegre, Salvadas, Galeras, San Lorenzo, Mestre Mateo, Romero Donallo, Hórreo, Avda. de Lugo, Rodríguez de Viguri, Camiño Francés, Irmandiños, e Salgueiriños.

- 8 de setembro:

12 horas.: Concentración de tractores nas rúas lindeiras a Área Central e ao Centro Comercial As Cancelas, con reparto gratuíto de leite.

- 9 de setembro:

12 horas: Concentración de tractores nas rúas lindeiras ao edificio da Xunta de Galiza, en San Caetano.

16 horas: Reparto de leite gratuíto na Praza Roxa.

- 10 de setembro:

12 horas: Manifestación a pé, saíndo de Salgueiriños e concentración diante do edificio da Xunta de Galiza, en San Caetano.

Imaxes: Campo Galego e Revista Afriga
 

Comentarios